‘Fala que Fala’ regresa para darlle voz ao galego entre a mocidade
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2025 – Tras o éxito acadado na súa primeira edición, o proxecto educativo Fala que Fala, promovido por Radio Líder e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, regresa cunha nova edición que aposta pola innovación e o aumento da participación. A iniciativa combina radio escolar, redes sociais e dinamización lingüística como ferramentas para achegar a lingua galega á mocidade dun xeito creativo, moderno e participativo.
Líder Redacción
26 de septiembre de 2025 a las 14:41
Dirixido ao alumnado da ESO (1º a 4º), Fala que Fala transformarase durante o curso 2025-2026 nunha experiencia comunicativa única, coa lingua galega como protagonista tanto nas ondas como nas plataformas dixitais máis empregadas pola xuventude.
O prazo de inscrición está aberto entre o 26 de setembro e o 9 de outubro, e os centros interesados só teñen que enviar un correo electrónico a direccion@radiolidersantiago.com
O 10 de outubro farase público o resultado do sorteo para seleccionar os 8 centros participantes. O primeiro programa emitirase en directo a mediados de novembro, e a gala de clausura celebrarase a finais de maio de 2026 na Cidade da Cultura de Galicia.
“Fala que Fala é un programa dun tremendo éxito nos nosos centros educativos que anima a falar á nosa xente máis nova. Promove a lingua galega por medio da radio e das redes sociais que usa a mocidade,” afirmou Valentín García, secretario xeral da Lingua.
Cada programa de radio, de dúas horas de duración, emitirase desde un centro educativo e incluirá entrevistas, dinámicas e contido elaborado polo propio alumnado. Os estudantes tamén crearán vídeos, stories e outros materiais dixitais para difundir o seu traballo a través das contas oficiais do proxecto en Instagram, Facebook, X e TikTok.
“Queremos que o alumnado da ESO se sinta protagonista falando en galego, tanto nos programas de radio como nas redes sociais, a través de reels, stories e contido atractivo que contribúa a gañar terreo para o galego no mundo dixital,” explicou María Coutinho, subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística.
“Esta iniciativa xurdiu da necesidade que temos como medio local de miscuírmonos no sistema educativo para poñer en valor a nosa lingua. É emocionante ver como a rapazada participa, crea contido e fala con orgullo en galego,” engadiu Álvaro Veiga, director de Radio Líder Santiago.



