Elena Moreira (Fisela): "As baixas laborais convertéronse nunha pandemia silenciosa"
Líder Redacción
6 de junio de 2026 a las 16:19
- A directora do Departamento Xurídico Laboral de Fisela Grupo FSL analiza en Radio Líder Santiago os principais retos que afrontan empresas e traballadores, desde os despedimentos e as incapacidades permanentes ata o crecente impacto das baixas laborais.
- Elena Moreira: «Dedicámonos a solucionar problemas e, moitas veces, a apagar fogos»
A directora do Departamento Xurídico Laboral de Fisela Grupo FSL, Elena Moreira, protagonizou a súa primeira intervención en Radio Líder Santiago cunha extensa conversa centrada nos desafíos que afrontan actualmente as empresas en materia laboral. Nunha entrevista marcada polo análise práctico da normativa vixente, a especialista destacou a importancia da prevención, o asesoramento integral e a capacidade de adaptación ante un marco legal cada vez máis complexo.
Recén incorporada ao equipo de Fisela, Moreira agradeceu a confianza depositada nela para liderar unha área estratéxica dentro do grupo, poñendo en valor o crecemento da compañía e o seu modelo de asesoramento global. «É un reto profesional para min. O modelo de negocio é un asesoramento 360 graos que permite ter unha visión moi completa da realidade empresarial», explicou.
A responsable do departamento xurídico-laboral detallou que o seu equipo intervén cando as cuestións laborais adquiren un maior nivel de complexidade, tanto en empresas asesoradas por Fisela como en aquelas que dispoñen de departamentos internos de recursos humanos ou servizos xurídicos.
«A nosa función comeza cando xorde unha cuestión de máis envergadura. Basicamente dedícanos a solucionar problemas e, moitas veces, a apagar fogos», afirmou. Un traballo que, segundo explicou, esixe unha actualización constante da normativa e unha resposta áxil ante situacións que, en moitas ocasións, requiren unha actuación inmediata.
A filosofía do despacho pasa, con todo, por anticiparse aos conflitos. «Somos moi partidarios da prevención. Sempre dicimos que nos pregunten antes. É mellor previr», sinalou, insistindo en que o principal obxectivo é minimizar riscos e evitar litigios innecesarios.
Durante a entrevista, Moreira identificou os tres grandes bloques de consultas que actualmente concentran boa parte da actividade do departamento. En primeiro lugar, os despedimentos e as extincións da relación laboral, un ámbito no que Fisela acompaña ás empresas desde o primeiro momento.
«Acompañamos á empresa desde a preparación da carta de despedimento ou do pliego de cargos ata o final do procedemento. Intentamos levar as rendas do proceso desde o minuto cero», explicou.
Outro dos asuntos que xera unha maior incerteza é a reforma das incapacidades permanentes. A directora xurídica lembrou que a nova normativa modificou profundamente a forma de xestionar estes casos, eliminando a extinción automática do contrato por recoñecemento dunha incapacidade.
«Agora xa non é tan sinxelo. A empresa ten que tentar realizar axustes razoables ou reubicar ao traballador antes de adoptar outras decisións», apuntou, destacando que cada situación require unha análise individualizada.
O terceiro gran foco de consultas xira en torno aos novos permisos retribuídos, especialmente os relacionados co coidado de familiares hospitalizados. Segundo explicou, a xurisprudencia está introducindo importantes matices sobre a forma de desfrutar estes permisos e sobre a acreditación das necesidades de coidado.
«O permiso non ten por que comezar o mesmo día da hospitalización e moitas veces o verdadeiro coidado chega despois do alta», lembrou, valorando positivamente que a interpretación xudicial facilite unha mellor organización familiar.
Un dos momentos máis destacados da conversa chegou ao abordar o fenómeno das baixas laborais, unha cuestión que, segundo Moreira, se converteu nunha das principais preocupacións do tecido empresarial galego.
«Para min é unha pandemia silenciosa no entramado empresarial», asegurou.
A experta considera que o problema non radica no uso lexítimo das incapacidades temporais, senón nos retrasos estruturais do sistema sanitario e do Instituto Nacional da Seguridade Social, que alongan innecesariamente moitos procesos.
«A miña percepción é que baixas que deberían durar tres meses están alongándose moito máis polos retrasos na sanidade», indicou.
A isto súmase, explicou, a incerteza que viven tanto as empresas como os propios traballadores, xa que as compañías descoñecen as causas médicas das baixas e apenas dispoñen de información sobre a duración estimada do proceso.
«A empresa non pode coñecer o motivo da baixa. É unha cuestión de intimidade da persoa traballadora e iso xera unha incerteza enorme na organización empresarial», subliñou.
Con máis de 40 anos de traxectoria e un equipo multidisciplinar de máis de 80 profesionais, Fisela Grupo FSL continúa reforzando a súa aposta por ofrecer un servizo integral a empresas, autónomos e particulares, incorporando perfís especializados capaces de dar resposta a un entorno xurídico e laboral cada vez máis esixente.



