"Só perdemos un partido ao longo do ano": o Raxoi toca o ceo do hockey feminino
Líder Redacción
5 de junio de 2026 a las 20:33
- O conxunto compostelán certifica o seu ascenso á OK Liga Iberdrola tras unha tempada brillante e fai un chamamento ao apoio institucional, empresarial e social para consolidar o proxecto na máxima categoría do hockey feminino nacional.
O Hockey Club Raxoi xa é equipo da OK Liga Iberdrola. O conxunto compostelán selou o seu regreso á máxima categoría do hockey feminino español despois dunha tempada practicamente impecable, na que só cedeu unha derrota e conseguiu o ascenso antes da última xornada. Un éxito deportivo que, lonxe de interpretarse como un logro illado, desde o club enténdese como o resultado do traballo colectivo de xogadoras, corpo técnico, directiva, familias e canteira.
Durante a entrevista concedida despois de confirmarse o ascenso, o sentimento predominante foi o orgullo. A directiva quixo poñer en valor o esforzo realizado durante toda a campaña e o crecemento dun proxecto que leva anos consolidándose.
«Desde a directiva, orgullo. Orgullo máximo destas rapazas, do equipo e do adestrador. Fixeron unha tempada marabillosa e ao final o traballo de todos os días acaba sendo recompensado«, destacou Cova Rodríguez.
A felicidade tamén se reflectía nas palabras de Mili, unha das referentes ofensivas do equipo e máxima goleadora da tempada, que recoñecía a emoción vivida tras acadar o obxectivo.
«Agora este último partido celebrarase un pouco máis«, comentaba entre sorrisos a xogadora, que suma 33 goles nesta campaña, aínda que sen perder o espírito competitivo que caracteriza o vestuario: «Hai que competir ata o último partido e hai que seguir gañando«.
Ao fronte do banquiño, Luis foi unha das pezas fundamentais deste ascenso. O técnico confesou ter disfrutado especialmente dunha tempada marcada pola unión do grupo e por unha dinámica gañadora que acompañou ao equipo desde o inicio.
«Foi un ano que disfrutei moito. Vivo moito os partidos, son moi emocional e case os xogo como elas«, explicaba o adestrador.
O preparador quixo ademais contextualizar a magnitude do logro, lembrando o enorme crecemento que experimentou o hockey feminino nos últimos anos e a esixencia dunha OK Plata cada vez máis competitiva.
«Só perdemos un partido ao longo do ano e ascenderamos cando aínda faltaban dúas xornadas. Iso fala da esixencia da categoría«, sinalou.
Un dos aspectos máis destacados durante a conversa foi a filosofía de traballo implantada polo corpo técnico. Mili destacou a esixencia diaria e a capacidade do staff para sacar a mellor versión de cada xogadora.
«Exíxennos bastante para acadar os obxectivos e iso leva a dar o máximo de cada unha. Ademais do adestrador, o preparador físico e o coach axúdannos moito tanto na parte deportiva como na mental«, explicou.
Por parte, Luis definiu ao seu plantel como un bloque competitivo, con experiencia e personalidade.
«Creo que se preguntades a outros equipos dirían que somos un conxunto competitivo, que sae a gañar desde o minuto un«.
Porén, o ascenso non só abre unha porta deportiva, senón tamén un importante desafío económico. A directiva lembrou a experiencia vivida na súa anterior etapa na élite e o importante incremento orzamentario que supón competir ao máximo nivel, especialmente para os equipos galegos.
«Os equipos do norte parten con case un 30% máis de orzamento que os cataláns polos desprazamentos e a infraestrutura necesaria para competir«, explicou Cova Rodríguez.
Por iso, desde o club lanzouse un mensaxe claro ás institucións, empresas e sociedade compostelá para apoiar un proxecto que consideran representativo de toda a cidade.
«Estamos abertos a calquera tipo de participación, desde quen queira aportar dez euros ata quen queira aportar cen mil. Queremos non só ascender, senón manternos«, subliñou.
O último partido da tempada, que servirá ademais como celebración do ascenso, preséntase como unha auténtica festa para o deporte compostelán. Tanto a directiva como xogadoras e corpo técnico fixeron un chamamento para encher as bancadas do pavillón de Vite e compartir un momento histórico.
«Como xogadora, xogar co pavillón cheo é algo fermoso. Invitamos tanto a quen coñece o hockey como a quen nunca o viu, porque merece a pena vivilo«, afirmou Mili.
Luis pechou a entrevista cun mensaxe que resume o espírito do club: «É a festa de todos. Nun deporte minoritario o éxito é froito do traballo conxunto de todo o club, da canteira, das familias e de toda a xente que axuda cada día. Todo o mundo que queira vir será benvido«.
O Hockey Club Raxoi xa alcanzou a cima. Agora, o gran reto será consolidarse entre os mellores, levando o nome de Santiago de Compostela á máxima categoría do hockey feminino nacional co mesmo espírito de traballo, humildade e unión que lle permitiu chegar ata aquí.



