Alternativa por Arzúa leva a pleno o cambio de nome do Parque da Feira polo de Parque Ana Kiro
Líder Redacción
26 de septiembre de 2024 a las 19:45
Inauguración do busto de Ana Kiro no Parque da Feira de Arzúa (marzo 2018)
O Concello de Arzúa levará a pleno o vindeiro 3 de outubro unha iniciativa de Alternativa por Arzúa que busca cambiar o nome do emblemático Parque da Feira, situado no centro da vila, polo de «Parque Ana Kiro» en homenaxe á icónica cantante nada na parroquia arzúa de A Castañeda. Así o anunciou en Radio Líder Santiago José Luis García, tenente alcalde e concelleiro de Cultura, quen destacou que «non hai mellor lugar para lembrar a figura de Ana Kiro» e recoñeceu que esta homenaxe chega «tarde», pero é un xesto merecido para unha muller que foi un nexo clave entre Galicia e a súa diáspora.
Ana Kiro, nativa de Arzúa, deixou unha profunda pegada na cultura galega, non só como cantante, senón tamén como unha pioneira na defensa dos dereitos LGTBI e como unha representante da emigración galega. «Foi unha muller adiantada ao seu tempo, que mesmo se atreveu a lanzar unha canción en galego en plena época franquista, cando non estaba ben visto. Ana foi valente e loitou polo seu soño», destacou García. Ademais, lembrouse que o parque xa conta cun busto en homenaxe á cantante, que se manterá na remodelación prevista para a zona verde. «Queremos vestir o parque con máis elementos que aludan á súa figura, porque cremos que o merece», engadiu.
Paralelamente a esta homenaxe, o concelleiro tamén abordou o estado actual do pacto de goberno en Arzúa, onde a relación entre Alternativa por Arzúa, a súa formación, e o BNG, socio de goberno a fronte da alcadía, xunto a unha edil do PSOE, amosa sinais de desgaste. García confesou que xa non permitirá máis “desplantes” do BNG, en referencia a disputas previas sobre a organización da Festa do Queixo, que este ano quedou en mans do BNG. “Non foi tanto que nos retiraran da organización, pero despois de tantos anos á fronte da festa, pensei que poderían ter un xesto de empatía. Non foi así, e fixérono por decreto. Só tiñamos dúas opcións: aceptar ou romper o pacto”, afirmou García.
A pesar destas tensións, o tenente alcalde asegurou que optaron por manter o tripartito, mais advertiu que non tolerará futuros abusos. «Pola miña parte, non vai quedar, pero non vou permitir moitos máis desplantes», dixo con rotundidade. García rematou sinalando que o seu obxectivo segue sendo garantir a boa gobernanza en Arzúa, amosando que se pode xestionar un goberno multipartito con éxito, «sempre que haxa entendemento e un enfoque pedagóxico para mellorar a vida da xente».
A entrevista completa no seguinte enlace.



