Couceiro, na súa intervención agradeceu a implicación das administración, así como tamén a «imprescindible e entusiasta» colaboración da Fundación José Otero-Carmela Martínez, que apoia o Concurso de Canto Compostela Lírica ao financiar os galardóns, e do Consello da Cultura Galega, que patrocina o Diploma Andrés Gaos, distinción que recoñecerá a voz máis prometedora de entre as procedentes da nosa Comunidade. O presidente de Amigos da Ópera puxo este certame como exemplo «aglutinador» no ámbito cultural, un sector de enorme relevancia social que precisa da complicidade entre as institucións e a iniciativa privada para achegarlle ao público proxectos de longo percorrido como comeza a ser xa o Concurso de Canto Compostela Lírica.
Couceiro, ademais, recoñeceu a enorme dificultade para realizar a selección de vinte voces, un traballo de escolma que recaeu no xurado, quen fixo unha criba inicial a través da análise do currículo e o material audiovisual que cada participante facilita na inscrición. «Ano a ano, a calidade é cada vez máis elevada e o traballo do xurado tanto para a selección inicial como para a decisión final resulta cada vez máis complexo», concluíu Couceiro sobre un certame que, nestes anos, gañaron a andaluza Carmen Buendía (2022), a madrileña Natalia Labourdette (2021), o galego Christian Gil-Borrelli (2020), a ucraína Olga Syniakova (2019) e a romanesa Alejandra Esteban (2018).
Premios e xurado
Amigos da Ópera de Santiago repartirá 7000 euros entre as voces gañadoras nuns galardóns que virán acompañados con diplomas acreditativos e con varios recitais remunerados. Deste xeito, o primeiro premio está dotado con 4000 euros, cunha actuación coa Real Filharmonía de Galicia, cun recital no marco do Festival Les Musicales du Luberon e cun rol de temporada na Ópera de Oviedo. O segundo galardón constará de 2000 euros e unha actuación remunerada en Santiago de Compostela, mentres que o terceiro disporá de 1000 euros. Por último, as tres voces galegas que participarán esta fin de semana no concurso competirán por unha distinción a maiores: o Diploma Andrés Gaos, que inclúe unha actuación remunerada no marco das actividades do Consello da Cultura Galega.
O xurado responsable de decidir este palmarés está formado polas seguintes voces autorizadas: Patrick Canac, presidente e fundador de Les Musicales du Luberon; Elisabete Matos, directora artística do Teatro São Carlos de Lisboa; Maciej Pikulski, pianista; Victoria Stapells, crítica musical; Graziela Valceva Fierro, mezzosoprano e profesora de canto; Celestino Varela, director artística da Ópera de Oviedo, e Arturo Reverter, crítico musical encargado de presidir o xurado. Actuará como secretario, sen voz nin voto, José María Miranda Boto, membro da Xunta Directiva de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela.