Sanmartín avanza os retos do Concello para este curso: «Compostela, orgullosa de si»
A rexedora anuncia a convocatoria este outono dun Pleno extraordinario sobre o estado do municipio para continuar traballando na transparencia.
Líder Redacción
1 de septiembre de 2024 a las 22:14
Goretti Sanmartín anunciou os tres retos do Concello de Santiago na rolda de prensa de inicio de curso que se desenvolveu hoxe no Pazo de Raxoi. Baixo a premisa «Compostela, orgullosa de si», a alcaldesa de Santiago recalcou que o obxectivo do Goberno é «seguir coidando o que temos, melloralo no posible e asentando o futuro en bases sólidas para garantir a sustentabilidade e a equidade social».
Na rolda, a alcaldesa destacou que os tres retos marcados «non son só un desexo de futuro, reflicten o noso compromiso político». Os retos escollidos abordan diversas materias. No primeiro, «unha mellor Compostela onde vivir», seguiranse afrontando temas relativos ao acceso á vivenda, á mobilidade, á sustentabilidade, ao mantemento e mellora de equipamentos e ao espazo público. No segundo, «continuar xerando oportunidades para o desenvolvemento económico», seguirase a incidir na creación dun nodo loxístico, na garantía da sustentabilidade dos servizos, no apoio a un tecido económico existente e ao emprendemento, e nos soportes ao ecosistema cultural e científico. No terceiro, «que a veciñanza sexa o centro das políticas municipais», continuarase traballando na cobertura e calidade dos servizos, na convivencia, actividades, igualdade, memoria, diversidade, patrimonio cultural e na mellora da Administración.
Sanmartín aclarou que debaixo de cada reto hai «proxectos concretos que se están desenvolvendo e que se van desenvolver». Entre eles, mencionou a creación dunha empresa pública de vivenda, o estudo para a declaración dunha zona de mercado tensionado, o proxecto integral de reforma do Estadio de San Lázaro ou a intervención do Campo de Fútbol das Cancelas, entre outras.
Para acadar o obxectivo proposto, a alcaldesa solicitou o diálogo e a colaboración das demais administracións. Sanmartín incidiu en que a «vontade e o empeño» do Goberno municipal é «máis que clara» e que esperan poder seguir atopando apoio para avanzar nos proxectos estratéxicos.
Finalmente, a rexedora asegurou que ningún reto será realizable «sen unha cidadanía informada e participando activamente, un obxectivo co que este goberno está plenamente comprometido». Nesta liña, Sanmartín lembrou a posta en marcha dos consellos de participación cidadá e anunciou a convocatoria este outono dun Pleno extraordinario sobre o estado do municipio para continuar traballando na transparencia.



