Onda Chicha consolídase como unha plataforma para a música emerxente en Galicia tras pechar a súa cuarta convocatoria, na que a banda Pulpa, de Narón, resultou proxecto gañador. Onda Chicha é unha iniciativa conxunta de Chichalovers e Radio Líder Santiago, que conta coa colaboración de Quincemil, Arde Música, Garaxe Land, Daveiga, Bodegas Lodeiros e Fogar Festivais. A iniciativa ten a finalidade de apoiar, visibilizar e promover o traballo de artistas e grupos emerxentes, ofrecéndolles unha plataforma real de difusión, visibilidade e actuación en directo.
Pulpa impúxose cunha proposta de rock alternativo de marcada influencia post-punk, cun son escuro, denso e expansivo. As súas cancións constrúen un universo decadente e visceral que, de xeito inesperado, se abre a estoupidos máis luminosos, apoiados en letras combativas e humanas. A identidade sonora do grupo susténtase nunha sección rítmica potente, guitarras afiadas e o uso de sintetizadores que evocan sonoridades doutras épocas, reinterpretadas cun enfoque actual e audaz, sobre as que destacan unhas liñas vocais intensas e emocionais.
O recoñecemento chega tras a publicación do seu primeiro LP, Ritos del nuevo mundo, no 2024, gravado en Álamo Shock (Madrid) coa produción de Guille Mostaza, un traballo que marca un punto de inflexión na súa traxectoria artística.