Padrón irmándase coa cidade xaponesa de Shingu, enclave de referencia na ruta Kumano Kodo
Líder Redacción
12 de noviembre de 2024 a las 14:42
Anxo Arca e Chus Campos nos estudios de Radio Líder Santiago | Arquivo
- O acto celebrarase este mércores na casa consistorial padronesa ás 11.15 horas
- Unha delegación nipona, encabezada polo alcalde de Shingu, coñecerá os principais puntos de interese da capital do Sar
- O itinerario xaponés de peregrinación e o Camiño de Santiago son as dúas únicas rutas declaradas Patrimonio de Humanidade
Padrón. 12-11-2024.- O Concello de Padrón asinará mañá, mércores 13 de novembro, un acordo de colaboración co municipio de Shingu, localizado na prefactura xaponesa de Wakayama.
Asistirán á sinatura, que terá lugar na casa consistorial padronesa, as corporacións de Padrón e Shingu, encabezadas polos seus alcaldes, e outras autoridades niponas. A delegación xaponesa visitará de seguido diversos puntos de interese da capital do Sar.
O acto de irmandamento entre Padrón e Shingu responde a vencellos e obxectivos comúns. Ámbolos pobos están unidos polo feito de atesourar séculos de historia e cultura, pola relevancia dun río no seu emprazamento e, sobre todo, por ser enclaves de referencia en dous dos principais camiños de peregrinación mundial e os únicos recoñecidos como Patrimonio da Humanidade: o Camiño de Santiago e a ruta Kumano Kodo, unha rede de itinerarios que conecta os tres grandes santuarios coñecidos como Kumano Sanzan.
A unión escenificarase mañá no Concello de Padrón, onde o alcalde, Anxo Arca, recibirá unha delegación xaponesa composta por membros do departamento de planificación da prefectura de Wakayama, da Universidade de Toquio e do municipio de Shingu. Esta delegación estará encabezada polo rexedor de Shingu, Michitoshi Taoka, que asinará xunto a Anxo Arca o documento de colaboración entre os dous municipios. O acto está programado para as 11.15 horas no salón de plenos.
A continuación, a delegación xaponesa está convidada a coñecer os principais puntos de interese de Padrón. Ao longo do día visitará a igrexa parroquial de Santiago, onde se atopa o pedrón ao que, segundo a tradición, foi amarrada a barca do Apóstolo; a fonte do Carmo; o Santiaguiño do Monte; a Fundación Camilo José Cela; a Fundación Rosalía de Castro e a desembocadura do Ulla.
O irmandamento de Padrón con Shingu coincide coa celebración dos vinte anos da declaración da Ruta Kumano Kodo (e en concreto dos Sitios sagrados e rutas de peregrinación dos montes Kii), como Patrimonio de Humanidade pola Unesco. Na desembocadura do río Kumano-gawa, a cidade pode presumir dun treito fluvial de peregrinación e acolle o santuario de Hayatama Taisha, un dos tres grandes santuarios da ruta Kumano Kodo. Tamén é moi célebre o santuario de Kamikura-jinja, levantado no alto dun cantil.



