Padrón, en obras: nove proxectos de obra pública en execución e tres máis a punto de comezar
Líder Redacción
1 de octubre de 2025 a las 22:30
- O Concello impulsa actuacións simultáneas para modernizar infraestruturas e coidar a veciñanza
- O volume de accións evidencia o compromiso municipal coa mellora continua dos servizos e dos espazos públicos
- O alcalde Anxo Arca destaca “a grande capacidade de xestión desta administración, que volve funcionar despois de moitos anos de parálise”
Padrón. 1-10-2025.- O Concello de Padrón atópase cun importante volume de obras públicas en marcha, con nove proxectos simultáneos que abranguen desde pavimentacións de viais ata melloras en espazos deportivos e infantís, así como renovación de infraestruturas de saneamento e abastecemento. A estas actuacións sumaranse de xeito inminente outras tres intervencións, como a renovación do parque da Devesa, a mellora do campo de fútbol de Estramundi e a reforma do cemiterio do Santiaguiño. Estas obras reflicten o compromiso do Concello de mellorar os espazos públicos e avanzar en infraestruturas en todas as parroquias do municipio.
As actuacións actualmente en curso son:
- Cinco pavimentacións de viais nas zonas de Pousada, Pazos, Sinde, Pedreda e Sande.
- Instalación dunha nova pista deportiva, o pump track no Paseo da Constitución.
- Renovación do parque infantil da rúa Vila de Rianxo.
- Pavimentación dos camiños do cemiterio da Matanza.
- Cambio de canalizacións de saneamento, abastecemento e pluviais na rúa Real.
De xeito inminente comezarán outras tres actuacións:
- Renovación do parque da Devesa (Estramundi).
- Cambio do céspede e mellora do sistema de rego do campo de fútbol de Estramundi.
- Mellora do cemiterio do Santiaguiño, que inclúe pintado da fachada e axardinamento de zonas interiores deterioradas.
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, destaca que “nunca se vira en Padrón un volume de obra pública en execución tan elevado. Isto evidencia a grande capacidade de xestión desta administración, que volve funcionar despois de moitos anos de parálise”. “Padrón necesita moitas melloras, en todos os territorios, por iso traballamos sen descanso para conseguir a maior cota de avances no menor tempo posible”, engade o rexedor.
Estas actuacións forman parte do esforzo do Concello por modernizar infraestruturas, coidar espazos públicos e garantir avances visibles e duradeiros en todas as parroquias do municipio.



