O Pino ten un remanente de tesourería a 1,87M€ tras liquidar o orzamento de 2025
Líder Redacción
26 de marzo de 2026 a las 15:37
- Aprobados os expedientes de modificación de créditos para mellorar accesos a núcleos, estradas e instalacións deportivas con 532.000 euros do remanente de tesourería
O Pino. 25-3-2026.- O Pleno do Concello do Pino aprobou os expedientes de modificación de crédito para mellorar os accesos a núcleos de poboación, estradas e instalacións deportivas por un total de 532.000 euros. Estas obras financiaranse con remanentes de tesourería. O alcalde informou na sesión que tras liquidar o orzamento de 2025, o Concello ten un remanente positivo de tesourería de 1.869.677,43 euros.
Manuel Taboada explicou que deste remanente total de 1,87 millóns de euros o Concello só poderá gastar este ano 857.000 euros, segundo establece a lexislación vixente.
Na sesión ordinaria de marzo, a Corporación tamén aprobou a estrutura de costes do contrato de concesión do servizo de abastecemento de auga, rede de sumidoiros e depuración. Esta estrutura establece os porcentaxes das diferentes partidas de gastos para prestar o servizo de auga potable e saneamento (persoal, enerxía, mantemento e conservación, etc). Esta estrutura incluirase nas bases para sacar a licitación este servizo. O punto aprobouse por unanimidade.
A rectificación dun erro puntual no PXOM, para establecer correctamente a localización nos mapas da escola unitaria de Lardeiros, tamén foi aprobada por unanimidade.



