O Pazo da Peregrina acollerá a cea solidaria Obra Social Pediatría & Concello de Ames
O Concello de Ames colabora na organización da segunda edición da cea solidaria Obra Social Pediatría & Concello de Ames, un evento que se realizará o vindeiro 14 de xuño, ás 20.30 hora, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, co obxectivo de recadar fondos para contribuír á investigación sanitaria e ao incremento da calidade asistencial dos pacientes pediátricos do CHUS. O evento está organizado pola Xuntanza de Empresarios de Ames, Obra Social Pediatría e Albarín Catering e eventos. Contarase coa actuación de DJ Dani e María Iglesias, gañadora do concurso Canta con Ames 2022. Premendo nesta ligazón podes acceder ao formulario que hai que cubrir para mercar as entradas da cea e á información da Fila Cero por se queres realizar un donativo. Para obter máis información tamén se pode chamar ao número de teléfono 641 11 60 05.
Líder Redacción
14 de mayo de 2024 a las 13:57
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu hoxe a presentación da segunda edición da cea solidaria Obra Social Pediatría & Concello de Ames. Trátase dun evento que está organizado por Xuntanza de Empresarios de Ames, Obra Social Pediatría e Albarín Catering e eventos, e no que colabora o Concello de Ames. O obxectivo desta iniciativa é recadar fondos para contribuír á investigación sanitaria e ao incremento da calidade asistencial dos pacientes pediátricos do CHUS. Contarase coa actuación de DJ Dani e María Iglesias, gañadora do concurso Canta con Ames 2022.
As entradas para o evento tamén se poder obter en tres establecementos comerciais e hostaleiros de Bertamiráns (Conchi Vallina, Papelería Chavián e Don Budi) e noutros tres do Milladoiro (cafetería Casa da Cultura, Nenos Nais e Nonna & Go).
Presentación do evento solidario
A presentación do evento solidario correu a cargo de Blas García, alcalde de Ames; Federico Martinón Torres, xefe e coordinador do Servizo de Pediatría do CHUS e máximo responsable da Obra Social Pediatría; Uxía García, concelleira de Benestar Social; e Ramón Cordido, presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA); e Eduardo Rañó, en representación de Albarín Catering. Tamén asistiron: Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica; Susana Señorís, concelleira de Promoción da Saúde; Belén Mosquera Pérez, membro do equipo directivo da Obra Social Pediatría; Mayte Autran Garcia, xestora administrativa da Obra Social Pediatría; Jorge López e Beatriz López, vogal e xerente da Xuntanza de
Empresarios de Ames (XEA).
O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “aquelas iniciativas boas son as que se repiten no tempo e hoxe presentamos a segunda edición desta cea solidaria que seguro que non vai a ser a última porque todas as accións solidarias son moi importantes e necesarias, pero cando se trata de nenos e nenas aínda se cabe son máis necesarias. As administracións somos as primeiras que temos que axudar ás asociacións e colectivos que traballan en favor da sociedade. Dende o Concello debemos colaborar sempre en accións como esta e con outras que poidan xurdir. Ames é un concello que afortunadamente destaca por moitas iniciativas, pero as iniciativas máis importantes son as que benefician ás persoas como é o caso desta cea solidaria”.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, dixo que “Ames é un concello solidario grazas a súa veciñanza que cando ten ocasión mostra o seu apoio aos eventos e actividades solidarios que se organizaron dende o Concello ou nos que o Concello colabora. Ao igual que o ano pasado a cea solidaria vaise a celebrar no Pazo da Peregrina. Animo á veciñanza a participar neste evento solidario para axudar a recadar fondos para esta causa”.
Coidados no eido psicolóxico, social e educativo
A continuación interviu Federico Martinón Torres, xefe e coordinador do Servizo de Pediatría do CHUS e máximo responsable da Obra Social Pediatría, que destacou “hoxe, Día do Neno Hospitalizado, non podía ser mellor día para presentar esta iniciativa. Convido a todos os que o desexen a participar nesta cea, e a que colaboren coa causa do xeito que poidan”. Tamén destacou “o esforzo do Concello de Ames e das asociacións que colaboran na organización do evento, que busca dun xeito solidario tratar de mellorar os aspectos non sanitarios como son o social, pedagóxico ou de apoio aos rapaces e rapazas que teñen que ingresar no hospital”. Así mesmo, agradeceu ao Concello de Ames o seu compromiso coa continuidade deste proxecto e a súa implicación coas causas solidarias.
Por último, Eduardo Rañó, de Albarín Catering, e Ramón Cordido, presidente de Xuntanza de Empresarios de Ames, déronlle as grazas ao Concello por contar con eles para colaborar nesta iniciativa e contribuír un ano máis a que sexa un éxito.



