A presentación do evento solidario correu a cargo de Blas García, alcalde de Ames; Federico Martinón Torres, xefe e coordinador do Servizo de Pediatría do CHUS e máximo responsable da Obra Social Pediatría; Uxía García, concelleira de Benestar Social; e Ramón Cordido, presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA); e Eduardo Rañó, en representación de Albarín Catering. Tamén asistiron: Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica; Susana Señorís, concelleira de Promoción da Saúde; Belén Mosquera Pérez, membro do equipo directivo da Obra Social Pediatría; Mayte Autran Garcia, xestora administrativa da Obra Social Pediatría; Jorge López e Beatriz López, vogal e xerente da Xuntanza de
Empresarios de Ames (XEA).
O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “aquelas iniciativas boas son as que se repiten no tempo e hoxe presentamos a segunda edición desta cea solidaria que seguro que non vai a ser a última porque todas as accións solidarias son moi importantes e necesarias, pero cando se trata de nenos e nenas aínda se cabe son máis necesarias. As administracións somos as primeiras que temos que axudar ás asociacións e colectivos que traballan en favor da sociedade. Dende o Concello debemos colaborar sempre en accións como esta e con outras que poidan xurdir. Ames é un concello que afortunadamente destaca por moitas iniciativas, pero as iniciativas máis importantes son as que benefician ás persoas como é o caso desta cea solidaria”.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, dixo que “Ames é un concello solidario grazas a súa veciñanza que cando ten ocasión mostra o seu apoio aos eventos e actividades solidarios que se organizaron dende o Concello ou nos que o Concello colabora. Ao igual que o ano pasado a cea solidaria vaise a celebrar no Pazo da Peregrina. Animo á veciñanza a participar neste evento solidario para axudar a recadar fondos para esta causa”.
Coidados no eido psicolóxico, social e educativo
A continuación interviu Federico Martinón Torres, xefe e coordinador do Servizo de Pediatría do CHUS e máximo responsable da Obra Social Pediatría, que destacou “hoxe, Día do Neno Hospitalizado, non podía ser mellor día para presentar esta iniciativa. Convido a todos os que o desexen a participar nesta cea, e a que colaboren coa causa do xeito que poidan”. Tamén destacou “o esforzo do Concello de Ames e das asociacións que colaboran na organización do evento, que busca dun xeito solidario tratar de mellorar os aspectos non sanitarios como son o social, pedagóxico ou de apoio aos rapaces e rapazas que teñen que ingresar no hospital”. Así mesmo, agradeceu ao Concello de Ames o seu compromiso coa continuidade deste proxecto e a súa implicación coas causas solidarias.