A vivenda, eixo central do proxecto de Borja Verea para a capital galega
Líder Redacción
8 de septiembre de 2025 a las 22:15
- O líder do PP compostelán critica a “suma obscena de minorías” que, ao seu xuízo, mantén paralizada a cidade, e presenta a vivenda como o principal eixo do seu proxecto político.
- “Os non adscritos están a render pleitesía ao BNG e a Compostela Aberta», asegura Verea, pechando así a porta a un posible achegamento para acadar novas maiorías de goberno
O inicio do curso político en Compostela
O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, abriu o curso político en Radio Líder Santiago fixando un obxectivo que considera histórico: “O Partido Popular de Santiago e eu queremos conseguir a maioría máis grande da historia desta cidade”. Segundo afirmou, a situación municipal actual require “un cambio total, porque se non é total, non haberá cambio”.
Na conversa con Álvaro Veiga, Verea repasou o estado de Compostela e debuxou a súa estratexia cara ás eleccións locais de maio de 2027. Para o líder popular, a cidade leva “practicamente dúas décadas, xa non de parálise, senón incluso de retroceso” e o actual goberno local non ofrece alternativas.
Crítica á “suma obscena de minorías”
Verea foi especialmente crítico coa configuración política da corporación municipal, que cualificou como unha “suma obscena de minorías” formada por BNG, Compostela Aberta, Partido Socialista e concelleiros non adscritos. “Estamos ante o peor goberno da historia desta cidade”, sentenciou.
O popular lamentou que o PSdeG non aceptase apoiar ao PP para formar goberno: “Sempre dixen que a maioría natural era a que gañou as eleccións con 11 concelleiros e co apoio do Partido Socialista, pero preferiron que gobernase o BNG con Goretti Sanmartín”.

A vivenda como prioridade
Un dos bloques centrais da entrevista foi a vivenda. Verea asegurou que é “o maior problema que temos en Santiago” e acusou ao executivo local de non facer nada por resolvelo: “Temos solo suficiente, pero aquí é imposible construir; son todo problemas”.
Entre as súas propostas destacou:
-
Creación dun Banco Público de Vivenda para mobilizar inmobles baleiros.
Alugueiro a través do Concello de pisos en mans de propietarios reticentes a poñelos no mercado.
Fomento de vivendas colaborativas, combinando espazos para xente moza e maior.
Conversión de baixos comerciais baleiros en novas vivendas.
Sobre a proposta do BNG e Compostela Aberta de declarar Santiago “zona tensionada”, mostrouse contrario: “Non creo en obrigar aos propietarios a fixar un prezo de alugueiro. Iso só fará que escapen máis pisos do mercado”.
Limpeza, comercio e servizos
Verea tamén criticou a xestión da limpeza urbana: “Nunca se pagou tanto por un contrato de limpeza e nunca a cidade estivo tan sucia”. Sinalou o mal estado das canalizacións e o atraso no pago de facturas municipais.
No eido económico, denunciou o peche continuado de comercios: “Perdéronse máis de cen no último ano, mentres o goberno dedica tempo a prohibir e poñer trabas”. Tamén puxo como exemplo de inacción a Empresa Pública de Vivenda, que segue sen funcionar: “No noso programa defendemos que debía recuperarse, pero non fixeron nada”.

O aeroporto, en horas baixas
Outro asunto clave foi a perda da base de Ryanair en Santiago. “Queremos un aeroporto de primeiro nivel, o mellor do noroeste peninsular. Pero temos uns gobernos que non cren no turismo nin na internacionalización da cidade”, afirmou. Verea atribuíu a responsabilidade principal ao Ministerio de Transportes e a AENA, pero sinalou como cómplices aos executivos locais: “Ese relato turismofóbico vai en contra do ADN dos santiagueses”.
Mirando a 2027
O popular recoñeceu que acadar unha maioría absoluta en Santiago non é doado, xa que na historia da democracia só se logrou unha vez. “Gústame o verbo soñar, porque claro que temos que soñar primeiro nós e facer soñar tamén á cidadanía”, dixo.
Finalmente, fixo un chamamento ao electorado máis alá do PP: “Necesitamos o apoio de moitos votantes que nunca apostaron polo Partido Popular. Pídolles unha oportunidade para demostrar que non imos defraudar e que imos levar Santiago onde se merece”.



