A parroquia arzuá de Rendal acolle este venres o espectáculo de Avelino González
Arzúa, 20 de maio de 2026. O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa continúa levando a cabo os actos da programación Primavera de Cultura que está a ofrecer propostas de cine, música, literatura e actividades nas parroquias dirixidas a públicos de todas as idades.
Líder Redacción
20 de mayo de 2026 a las 15:23
Nesta edición as propostas culturais achegaranse de novo ás parroquias cun programa titulado As parroquias contan que ofrece unha sesión de contos e, ao remate, unha chocolatada popular á que estarán convidadas todas as persoas asistentes.
Despois de levar a cabo este programa nas parroquias de Dombodán e Vilantime a comezos de ano, continúa este venres, 22 de maio, no local social de Rendal ás 20:30 h. Neste caso contarase cunha sesión de narración oral a cargo de Avelino González e o seu espectáculo Chistes que foron contos que recolle historias da propia parroquia, do concello e da bisbarra. A entrada será libre e de balde.
Avelino González é actor, contador e monologuista, tradutor. En televisión ten actuado en series como Serramoura, Pazo de Familia ou Padre Casares para a TVG e na TVE1 en Hospital central, Cuéntame ou Seis hermanas. Ademais de diferentes traballos para cine ou series web. En teatro actúa, dirixe e traduce, tendo varios premios por obras como Bicos con Lingua ou Comedia.
O concelleiro de Cultura, José Luís García, anima “ás veciñas e veciños de Rendal a participar neste encontro arredor da cultura para gozar dun tempo de entretemento e convivencia”.



