A Feira Cabalar do San Martiño de Francos é declarada Festa de Interese Turístico de Galicia
Líder Redacción
17 de junio de 2025 a las 14:01
- O Concello de Teo celebra o recoñecemento oficial, que impulsará a promoción turística e a conservación da Carballeira de Francos.
O Consello da Xunta de Galicia aprobou onte a declaración da Feira Cabalar do San Martiño de Francos como Festa de Interese Turístico de Galicia, un recoñecemento que lle outorga maior relevancia a este evento, xa considerado o máis importante do concello de Teo no ámbito socio-cultural e económico.
Entre os motivos desta distinción, destacan a creatividade e innovación da feira, a boa dotación de infraestruturas, o coidado do contorno natural e a elevada afluencia de visitantes. Este selo turístico permitirá potenciar aínda máis a feira, mellorando a oferta cultural e lúdica, así como garantindo a protección da emblemática Carballeira de Francos.
Dende o Concello de Teo mostraron a súa ledicia pola decisión, xa que supón unha oportunidade para crecer en calidade e proxección, atraendo máis turistas e revalorizando o patrimonio local.
A Feira Cabalar do San Martiño, que cada ano reúne a miles de persoas en torno ao mundo do cabalo, a gastronomía e as tradicións, consolídase así como un referente festivo en Galicia.