Na súa intervención, a concelleira mostrouse «optimista» co proxecto e agardou o compromiso do resto das administracións coma no seu inicio (froito dun convenio entre o Concello, Xunta e Consello Superior de Deportes), xa que é hora de «colocar» o estadio «na posición que corresponde» como «infraestrutrura punteira». «A ese mesmo espírito de colaboración apelamos coa presentación deste plan», que o Goberno local tamén lle quere presentar á Xunta e ao Estado, para o que remitiu sendas peticións de reunións.
Pilar Lueiro defendeu o proxecto co obxectivo de convertir San Lázaro-Fontiñas «nun auténtico referencial da práctica físico-deportiva de Compostela», que «nos permita consolidar o noso concello como capital do deporte».
Actuacións
Alén da cuberta e a fachada, cómpre adaptar ás instalacións á normativa actual de accesibilidade e seguridade. Tamén son necesarias actuacións para renovar o equipamento deportivo e adaptar tanto o céspede como as pistas atléticas ás necesidades actuais dos clubes e persoas usuarias. Finalmente, é preciso tamén a reurbanización da contorna do estadio para converter o complexo no lugar de referencia para o deporte municipal ao aire libre.
O proxecto inclúe actuacións de 1,2 millóns de euros para a rehabilitación da envolvente (fachada, cuberta e soportais); 3,1 millóns para intervencións en espazos deportivos e outros; 2 millóns para o plan de autoprotección, que inclúe catro fases; e 2,8 millóns para acondicionamento. O total do plan, no que o Goberno municipal insiste en que é preciso que se impliquen o resto de administracións, ascendería a 9,37 millóns de euros.