No terceiro día, o mércores, o poeta Baldo Ramos falou sobre a poesía galega contemporánea desde a perspectiva de quen tamén forma parte do actual panorama creativo do país. Ademais, Nacho Alemparte, de Fundoro, impartiu o taller Navegando a cegas, unha proposta sobre a busca histórica dun método para calcular a lonxitude no mar. Este proxecto foi recoñecido co primeiro premio no certame Ciencia en Acción celebrado en Onda (Castellón).
A programación conclúe hoxe, xoves cunha nova saída ao cinema Numax para asistir á proxección de A miña ilustrísima amiga. Posteriormente, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Francisco López González ofrecía unha conferencia titulada Leonardo e a representación gráfica das súas ideas. A semana péchase cun obradoiro de escrita impartido por Miguel Giadás, especialista en historiografía medieval hispánica.
“A iniciativa ten como obxectivo principal fomentar o espírito crítico, animando o alumnado a formular preguntas, analizar a realidade desde diferentes perspectivas e comprender a relación entre a creación artística e o pensamento científico e humanístico”, asegura Ana María Álvarez Chamosa, videdirectora do IES de Sar.
“Este tipo de encontros contribúe ao desenvolvemento persoal e académico, favorece a curiosidade, a capacidade de expresión, o traballo colaborativo e a toma de decisións conscientes sobre o futuro”, sinala a promotora desta iniciativa que vai xa pola súa terceira edición.
Con esta terceira edición, o IES de Sar consolida unha proposta educativa que aposta por conectar o alumnado coa creación artística, a investigación científica e o pensamento crítico, reforzando o compromiso do centro coa cultura e coa educación integral do seu alumnado.