“Parece o normal, pero non o é”
Referíndose á transición modélica e rápida que se amosou no Concello da Estrada, Gonzalo Louzao considerou que “o equipo demostrou que soubo seguir traballando a pesar de que o líder que os cosía cambiou e seguiu funcionando como un”. “Parece que é o normal pero non o é. Aquí houbo unha excepción e un referente. Así se avalía desde fóra e tamén o temos que avaliar así desde dentro”, reflexionou.
O rexedor local tamén quixo recoñecer publicamente que “a cidadanía estradense tivo un trato exemplar deste cambio”. “No persoal teño que agradecerlle á xente que me acollera con moitísimo cariño. Aos sitios aos que vou recibo moito agarimo da xente e eu espero estar á altura e ofrecerlle os mellores anos da miña vida e dar o mellor de min para chegar ao que este concello necesita”, apuntou.
“A burocracia da administración fai que moitas veces non se vexa todo o traballo que se está facendo, pero imos ter meses de moito traballo na rúa e de moitas accións que se van ver moi pronto executadas. Esta é a gratitude deste traballo de servizo público”, continuou o xefe do executivo estradense.
Nun ano de “non mirar o reloxo, de empatizar e de escoitar”, Louzao Dono dixo ter vivido de primeira man como o alcalde é “ese referente próximo que se busca” na administración máis achegada ao cidadán. “Sentirse útil para tentar solventar desde a grande obra ata a máis pequena, desde o evento de calquera recuncho dos nosos 473 núcleos de poboación ata as patronais da Estrada”.
Velocidade de cruceiro
“Que seguiramos coa velocidade de cruceiro foi mérito da implicación persoal e do traballo en equipo para seguir executando os proxectos que xa había e tamén poñendo enriba da mesa novas ideas e proxectos”, dixo o mandatario, xusto no momento de sinalar que a mellora das comunicacións, a vivenda, as posibilidades laborais a través da ampliación pública do solo industrial e a aposta “polas 50 parroquias+1” que representan A Estrada son os piares da súa xestión de goberno.
O mandatario recoñeceuse ilusionado polo novo capítulo de oportunidade que abren “os novos fondos europeos ou a consecución de outros que fan que tamén lle podamos dar un estilo propio ao goberno que eu tiña claro desde o primeiro momento”.
Non esqueceu o alcalde a súa “especial sensibilidade polo mundo rural”, “que agora teño que demostrar e cumprir a nivel de financiamento coas expectativas e prioridades que se xeraron xa desde os primeiros días de mandato”, asumiu.