A Estrada inaugura este sábado a súa peonil Praza de Galicia
Líder Redacción
12 de mayo de 2026 a las 22:20
- Ultiman os detalles nas zonas axardinadas e na fonte que recupera este emblemático cruce de camiños, xerme urbanístico da Estrada.
- Veciños deste enclave e comerciantes da contorna serán convidados especiais na apertura despois de varios meses de obras
A Estrada, 12 de maio de 2026.- A Praza de Galicia e a súa contorna quedará este sábado completamente aberta á cidadanía, que poderá comezar a desfrutar dun espazo no que o peón fará seu un espazo emblemático que foi xerme urbanístico da capital estradense.
Ás 10.00 horas haberá un pequeno e simbólico acto de inauguración, aberto a toda a veciñanza, pero no que o goberno que encabeza Gonzalo Louzao quere dar especial protagonismo aos veciños da Praza de Galicia e aos comerciantes da contorna.
“Poremos de longo o fin destas obras. Tentamos que a actuación fora o menos molesta posible, pero sabemos que houbo cortes de tráfico e certas molestias ante as que queremos recoñecer, nova e publicamente, a sensibilidade que amosaron veciños e comerciantes. A todos eles convidarémolos expresamente, a través dunha carta que recibirán estes días, a participar nesta inauguración”, explicou hoxe o alcalde estradense.
“Este espazo público volve a recobrar o seu protagonismo como naceu, como ese cruce de camiños que propiciou o desenvolvemento da nosa vila e faino tamén como a guinda dun proceso de peonalización que comezou en rúas como Ulla e Calvo Sotelo. Esta nova Praza de Galicia é máis dos estradenses que nunca”, destacou o mandatario.
Sobre o terreo están xa ultimándose as obras, concentradas nesta recta final nas zonas axardinadas e tamén na nova fonte. Neste elemento quíxose exaltar o carácter histórico deste enclave recuperando elementos da fonte orixinal que naceu nesta praza e que logo foi trasladada ata a alameda municipal.
Atrás quedan meses de obras, postas en marcha no outono, para reformar e humanizar a Praza de Galicia e a súa contorna. Os traballos, executados pola firma Taboada y Ramos, puxeron tamén a peonalización do primeiro tramo da Rúa Don Nicolás,dende o cruce coa Calvo Sotelo ata a súa intersección con Marqués de la Vega de Armijo.
As obras, cun investimento de máis dun millón de euros, foron financiadas no marco do convenio asinado entre o Concello da Estrada e a Deputación de Pontevedra, que aportou 807.000 euros a esta actuación a través do Plan Extra.



