Un veciño de Melide ferido grave ao sufrir un accidente mentres desbrozaba
Líder Redacción
6 de octubre de 2025 a las 20:30
Arquivo
Un home resultou ferido esta tarde no concello de Melide mentres realizaba labores de desbroce nunha finca de súa propiedade, situada na parroquia de Furelos, preto da canteira. O 112 Galicia recibiu o aviso de Urxencias Sanitarias ás 16:45 horas deste luns.
Segundo informou o servizo de emerxencias, o home sufriu unha lesión de consideración nunha perna despois de que lle saltase un obxecto durante o traballo.
Ata o lugar desprazouse persoal sanitario a bordo do helicóptero medicalizado do 061 con base en Santiago. Ademais, desde o 112 mobilizáronse os Bombeiros do Parque Provincial de Arzúa, a Garda Civil e Protección Civil de Melide.
Nun primeiro momento, pensouse que o ferido se atopaba nunha zona de difícil acceso, polo que se solicitou o apoio dos bombeiros para facilitar o traslado. Finalmente, a colaboración dos equipos de emerxencias permitiu chegar ata o helicóptero sen necesidade dun rescate complexo.
O home foi evacuado en helicóptero ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela para recibir atención médica.



