Programa especial de Radio Líder Galicia dende a Mostra do Encaixe de Camariñas
Líder Redacción
28 de marzo de 2024 a las 21:27
Este mércores arrincaba a XXXIII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, unha edición que se celebra ata o domingo 31 de marzo e que co lema ‘Camariñas Sorprende’ quere reivindicar o encaixe como un elemento de valor para coñecer o municipio, ao igual que as festas, as tradicións, as paisaxes e a gastronomía.
Nesta edición a declaración de intencións é clara: amosar que hoxe en día a Mostra e o encaixe son sinónimos de modernidade e vangarda. O obxectivo é por un lado, atraer ao público máis mozo, e, polo outro, poñer o foco na vertente da moda máis que na da artesanía, que tamén está recoñecida. Un obxectivo desde o que se ideou o propio cartel, obra do deseñador galego afincado en Marbella, Esteban Freiría, buscando un cambio de tendencia e imitando ás cabeceiras máis recoñecidas das revistas de moda.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, a vicepresidenta Segunda do Goberno, Yolanda Díaz, e o director xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Manuel Heredia, foron os encargados de cortar a cinta de encaixe que, simbolicamente, dá o pistoletazo de saída á Mostra.
Sandra Insua cualificou á Mostra como “unha homenaxe ao encaixe, unha festa para lembrar e poñer en valor o que somos, un pobo tecido, puntada a puntada, polas milagrosas mans dunhas mulleres con maiúsculas. As nosas palilleiras, un símbolo que transcende fronteiras e que viaxa, de xeración en xeración, para converterse en inmortal”.
No seu discurso, a rexedora tamén quixo salientar que “hoxe en día a Mostra e o encaixe son sinónimos de modernidade” e que “en certo modo é un acto de reivindicación do que é o feminismo, estamos rodeadas de mulleres talentosas, valerosas, fortes, empoderadas e boas, mulleres que foron capaces de transformar un elemento destinado á intimidade do fogar nunha peza de vangarda, que hoxe en día usan as grandes firmas de moda para darlle valor ás súas prendas”.
Ademais, Insua quixo facer unha “pequena e humilde homenaxe homenaxe á persoa que fixo posible que hoxe esteamos aquí: o noso querido e añorado Juan Bautista Ramos, alcalde de Camariñas, pero sobre todo un estupendo amigo, que fundou, aló polo ano 1991, a Mostra do Encaixe de Camariñas”. “A Mostra é o que é hoxe grazas á semente que el plantou no noso pobo e, por que non dicilo, eu son o que son hoxe como política e como persoa grazas ao que aprendín ao su carón”, afirmou.
Tamén agradeceu a presenza da vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz e confesou que “sorprendeunos a devoción polo noso encaixe que amosaches cando te coñecemos en FITUR”. “Grazas por aceptar a nosa invitación e tamén por lucir publicamente o encaixe de Camariñas”, engadiu.
Pola súa parte, Manuel Heredia salientou a colaboración da Xunta de Galicia “para que esta Mostra poida ser un escaparate da artesanía galega” e deu os parabéns “ao Concello por impulsar un evento que é cita obrigada en Galicia cando se fala de moda”. “Estamos seguros de que esta edición sorprenderá e agardamos que supere todas as expectativas”, indicou.
Por último, Yolanda Díaz destacou que “o país faise desde concellos como este e desde lugares tan fermosos como Camariñas” e confesou a “emoción e pracer que supón para min estar hoxe aquí nunha ocasión tan especial”. “Galicia é a miña terra, o lugar que amo, e Camariñas forma parte do moito que amo de Galicia”, comentou.
“Tedes un dos eventos culturais máis fermosos, populares e orixinais que poden existir, un evento que define a Camariñas no mundo e que está intimamente relacionado co carácter feminino que ten Galicia, é o feminismo feito carne”, espuxo a vicepresidenta, que rematou o seu discurso destacando que “Camariñas é a capacidade, o talento e a lucidez para ser capaz de fiar unha tradición histórica. Camariñas é unha referencia no mundo”.
Despois da pertinente visita aos diferentes postos e stands que se ubican nos dous pavillóns municipais acondicionados para a ocasión, as autoridades presentes presenciaron o desfile do ‘Pequencaixe’ e, para rematar, acudiron á pasarela inaugural da Mostra, na que as firmas participantes amosaron por primeira vez as coleccións que prepararon para a Mostra co encaixe como protagonista. Os desfiles inaugurais estivon amenizados pola música de Lucía Pérez.
Radio Líder, para toda Galicia, dende a xornada inaugural
Tamén haberá demostracións artesanais e os pais e as nais poden deixar aos máis pequenos no Parque Infantil con monitores cualificados.



