Ramón García, presidente da asociación ATHC: “O turismo non é unha condena, é unha oportunidade”
A Asociación de Turismo e Hostalería Compostela (ATHC) organiza os días 25 e 26 de xuño as súas primeiras xornadas baixo o título “Cando Compostela Gaña”, unha cita aberta ao público, de balde, na Hospedería de San Martiño Pinario que busca reflexionar sobre o turismo en Santiago con rigor técnico, pluralidade de voces e sen complexos ideolóxicos. O presidente da asociación, Ramón García, explicou os obxectivos destas xornadas nunha entrevista con Sara Garea en Radio Líder Santiago. “Queremos abrir un espazo de debate no que se fale de turismo con seriedade, desde diferentes perspectivas: técnicas, económicas, sociais e tamén veciñais”, sinalou.




