O PP de Arzúa critica as primeiras xestións da Festa do Queixo, de «forte orientación política»
Líder Redacción
28 de enero de 2025 a las 13:03
- A xestión da festa deixará de depender de empresas locais para cambiar por unha empresa cun responsable vinculado ó BNG.
- Non está de acordo co cambio de data por mor do entroido.
Arzúa, 27 de xaneiro de 2025.- Tras facerse públicos os primeiros detalles da 50 edición da Festa do Queixo de Arzúa, os populares mostran as súas críticas á xestión da mesma.
Tradicionalmente, a Festa do Queixo vense celebrando (salvo algunha excepción) na primeira fin de semana de marzo. Considera Rafael Rivadulla, voceiro dos populares “que a Festa do Queixo ten o peso suficiente como para que se respecte a data, e é perfectamente compatible co Entroido, como xa se ten comprobado noutras edicións; a data debería ser inamovible“.
Outra critica do Partido Popular é en relación á decisión do Concello de prescindir da única promotora musical local, para delegar a xestión da mesma a unha empresa foránea .
Afirma Rivadulla que “o goberno arzuán presume a diario de apostar polo local, de mirar pola xente e o comercio do pobo, e á primeira de cambio prescinde dunha destas empresas (Art Music Agency) para a organización do Festival do Queixo”, “incoherencia total, unha vez máis, a deste tripartito”.
Nova relacionada:
Alberto Alfonso lamenta a decisión «política» de prescindir de Art Music no Festival do Queixo
Critican os populares que non se lle dese a opción a Art Music Agency a presentar unha proposta, despois de ser a promotora arzuá a organizadora do Festival do Queixo nas últimas 14 edicións.
A empresa escollida a dedo para esta 50 edición, será NALGURES PRODUCIÓNS S.L., empresa directamente vinculada a Jose M. Blanco Álvarez, irmán de Fernando Blanco, ex conselleiro de Industria no goberno bipartito da Xunta e ex deputado do BNG.
Afirman os populares que se isto se dese nun goberno PP, sería denunciado por nacionalistas como unha auténtica cacicada.



