Un equipo feminino queda sen xogar tras dúas horas esperando ao frío en Santiago
Líder Redacción
11 de enero de 2026 a las 21:25
Google Earth
- A concelleira Marta Abal cualifica como “absolutamente inaceptable” que a SD A Gaiola se atopase coas portas pechadas malia ter autorización por escrito do Concello.
Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2026. O Grupo Municipal Socialista denuncia o “ninguneo sistemático” do goberno de Goretti Sanmartín ao deporte feminino de base, tras impedir a celebración dun partido oficial da SD A Gaiola no pavillón de Monte dos Postes.
A concelleira socialista Marta Abal cualifica como “bochorno” o vivido este pasado sábado nesta instalación municipal. “Unha vez máis, a falta de coordinación e o desleixo do goberno local provocaron unha situación humillante: o equipo visitante, o Atlético Arnoia, tivo que agardar dúas horas fóra, ao frío, para finalmente ter que volver a casa sen xogar”, explica.
Marta Abal explica que “non estamos ante un erro puntual. É a segunda vez en catro meses que o Concello se esquece de abrir un pavillón para que xogue a SD A Gaiola. Estamos ante un ninguneo sistemático ao deporte feminino de base”.
O Grupo Municipal Socialista esixe ao goberno de Sanmartín que “deixe de pedir desculpas baleiras” e “asuma responsabilidades pola xestión do pavillón de Monte dos Postes e do conxunto das instalacións deportivas municipais”, e advirte de que Santiago “non pode permitir que a súa imaxe deportiva quede manchada por unha xestión administrativa tan ineficiente”.
A concelleira Marta Abal destaca o valor e o esforzo do clube: “A SD A Gaiola, con máis de 30 licenzas e dezaoito anos de historia, non merece ser tratada como un estorbo, senón como un referente deportivo e social da cidade”.



