Un cóctel con pementos de Herbón leva ao padronés Marcos Ferro ao mundial de Tokio
O barman padronés Marcos Ferro, responsable do local Botánico Coffee & Cocktail, vén de acadar un importante recoñecemento internacional ao proclamarse gañador do prestixioso certame de coctelería SIP Supernova Spain 2026, unha competición global que impulsa novos talentos da hostalería.
Líder Redacción
2 de abril de 2026 a las 21:39
Este concurso, promovido por Pernod Ricard e Altos Tequila, reúne a algúns dos mellores profesionais emerxentes do sector, converténdose nun trampolín cara á elite da coctelería mundial. Grazas a esta vitoria, Ferro representará a España no campionato mundial que se celebrará nas vindeiras semanas en Tokio (Xapón).
O cóctel gañador destacou pola súa creatividade e forte identidade local, ao incorporar un dos produtos máis emblemáticos da zona: os pementos de Herbón, fornecidos por Pementos Carmucha, xunto con tequila de Artisan Galicia. Esta combinación innovadora puxo en valor a tradición gastronómica de Padrón nun escenario internacional.
Dende o Concello de Padrón quixeron felicitar publicamente ao barman polo seu éxito, destacando o orgullo que supón para o municipio contar cun profesional que leva o nome da vila máis alá das súas fronteiras.
Marcos Ferro afronta agora o reto mundial en Tokio coa ilusión de seguir colleitando éxitos e consolidarse como unha das grandes promesas da coctelería contemporánea.