Sindo Guinarte alerta da forte caída de pasaxeiros en Lavacolla
Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2025 — O voceiro do grupo municipal socialista, Gumersindo Guinarte, advertiu hoxe da “negativa evolución” do aeroporto de Santiago nos últimos dous anos, tras coñecerse os datos de xullo que confirman unha nova baixada no número de pasaxeiros.
Líder Redacción
13 de agosto de 2025 a las 20:58
Guinarte sinalou que esta tendencia “non se explica exclusivamente pola chegada do AVE” e criticou a “falta de política aeroportuaria” por parte da Xunta de Galicia, lembrando que “leva máis de 15 anos, cos gobernos de Feijóo e Rueda, sen preocuparse en absoluto deste asunto”.
O socialista instou ao goberno de Goretti Sanmartín a “tomar cartas no asunto” e poñer en marcha “un plan alternativo, ambicioso e coordinado co sector turístico” para deter a perda de conexións, especialmente internacionais.
“O noso aeroporto continúa a perder pasaxeiros, cando foi dos que mellor se recuperou da pandemia”, indicou, apostando por traballar con turoperadores e hoteis para reforzar a conectividade aérea e atraer turismo todo o ano.
Guinarte insistiu en que “ter boas conexións aéreas é prioritario para desestacionalizar o turismo e captar visitantes de calidade” e reclamou “medidas urxentes, ben coordinadas e eficaces” para recuperar o papel estratéxico de Lavacolla.