ProgramasGrellaAxendaFarmaciasPraza PúblicaEquipoPublicidadeContacto
vive.galvive.gal
Ao DíaComarcaPolíticaSociedadeDeportesCulturaPodcastVídeos
ES|GL
EN DIRECTORADIO
vive.gal

Actualidade, radio e cultura de Santiago e a súa comarca.

RSS Podcast

Radio

  • A Radio
  • Programas
  • Grella
  • Axenda
  • Equipo
  • Podcast
  • En Directo

Seccións

  • Comarca
  • Política
  • Deportes
  • Cultura
  • Actualidade
  • Sociedade

Legal

  • Aviso legal
  • Privacidade
  • Cookies
  • Contacto
  • Traballa connosco

© 2026 DEZASETE MEDIA, S.L. — B56629892

San Pedro de Mezonzo, 48-50, Bajo, 15701, Santiago de Compostela (A Coruña)

Desenvolvido por GestSiete.es

Actualidad

Santiago licita o servizo de transporte urbano por 130M€ para os próximos 13 anos

A Xunta de Goberno aprobou hoxe o inicio de licitación do servizo de transporte colectivo urbano, un contrato que terá unha duración de 13 anos e un orzamento base de máis de 128,5 millóns de euros. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro, deron os detalles do procedemento nunha rolda de prensa na que reiteraron que o novo contrato suporá enormes melloras no servizo, sobre todo no que ten que ver coa cobertura xeográfica das novas liñas e os seus horarios e frecuencias. Tamén se renovará a flota de autobuses, atendendo ademais aos requisitos en materia de sustentabilidade, e porase en marcha unha nova APP que lle dará unha maior confiabilidade ao servizo.

Líder Redacción

Líder Redacción

22 de diciembre de 2025 a las 21:03

Compartir

Tanto a alcaldesa como o concelleiro de Mobilidade reiteraron que esta licitación era unha prioridade para o Goberno e agradeceron o esforzo do persoal técnico municipal para desbloquear un procedemento enormemente complexo. Ademais, salientaron o esforzo orzamentario que fará o Concello para que as melloras no servizo non repercutan directamente nas tarifas do autobús, “nunha clara aposta por fomentar unha mobilidade máis sostible, na que prioricemos a utilización dos modos brandos de transporte”. Goretti Sanmartín e Xan Duro mostráronse confiados en que, despois de moitos anos sen contrato, “esta licitación permita que os veciños e veciñas de Santiago conten co servizo de transporte que precisan e merecen”.

Contrato mixto de servizos e obras

O transporte urbano sae a licitación como un contrato mixto de servizos e obras, e non como unha concesión como acontecera anteriormente. Tal e como se explica nos informes técnicos, corresponde este modelo contractual ao non existir risco operacional para o contratista, que ten garantida unha retribución mínima para a cobertura de custos e a recuperación de investimentos a través da achega municipal prevista para poder manter unhas tarifas accesibles. Neste caso, a subvención municipal suporá máis do 50% dos ingresos que vai ter a empresa adxudicataria do contrato.

A alcaldesa e o concelleiro de Mobilidade lembraron que “o Goberno, seguindo directrices técnicas, optou por este cambio de modelo atendendo ás resolucións da ONE que cuestionou as licitacións baixo o réxime de concesión que se tiñan iniciado noutras cidades do Estado, precisamente por non existir ese risco operacional para o contratista”. Nese sentido, explicaron que “as alternativas ofertadas polo organismo eran ou ben recortar as achegas públicas ao servizo, algo que repercutiría no encarecemento das tarifas para as persoas usuarias, ou ben artellar as licitacións como contratos de servizo”.

O contrato do transporte será mixto de servizos e obras porque a empresa adxudicataria tamén terá que encargarse da redacción do proxecto e a execución da obra necesaria para a instalación, posta en funcionamento e mantemento dunha infraestrutura de recarga para os autobuses eléctricos e dunha instalación de sistema de subministración de gas natural comprimido para os vehículos que utilicen este combustible.

Melloras nas liñas

Goretti Sanmartín apuntou que a mudanza do modelo contractual ao contrato de servizos non supuxo cambios con respecto ás melloras xa anunciadas no servizo. Así, mantense o deseño das liñas que xa foi presentado públicamente, que simplifica o mapa actual evitando solapamentos e ampliando a cobertura territorial. As principais novidades son a denominada liña “Transantiago”, que irá desde o límite de Santiago co Milladoiro ata o límite de Santiago con Sigüeiro cunha frecuencia de 30 minutos; e as liñas alimentadoras do rural. Serán un total de tres: a primeira cubrirá os lugares de Barciela, Busto, Nemenzo, Berdía, Marzo de Abaixo, Son, A Gracia e Bálsoma; a segunda irá por Santa Cristina de Fecha, Lamascal, San Xoán de Fecha, Brins e Pardaces; e a terceira daralle servizo ás parroquias de Marrozos e O Eixo. As persoas usuarias destas liñas terán dereito a dous transbordos gratuítos para poder completar as súas viaxes desde as parroquias ata o centro urbano.

Ademais, mantense a liña lanzadeira ao aeoroporto, con frecuencias de 30 minutos desde as 7 da mañá ata as 00.30 horas; e refórzase o servizo aos polígonos industriais, ampliando os horarios destas liñas desde as 7 da mañá ata as 11 da noite. Tamén se introduce o bus nocturno de mércores a sábado, con servizos desde as 23.00 ata as 5.00 nas dúas liñas circulares que cobren o traxecto de Fontiñas, Hospitais, Campus Sur, Vite e Campus Norte,

Renovación da flota

O prego técnico da nova licitación establece que a empresa adxudicataria deberá subministrar un total de 67 autobuses para prestar o servizo, fronte aos 43 autobuses cos que contamos na actualidade. Deles, 18 serán eléctricos e o resto con motor de gas natural comprimido. Serán vehículos de entre 12 e 15 metros, en función das necesidades específicas de cada liña, con dúas excepcións: haberá tres autobuses eléctricos de entre 8 e 10 metros para a liña C3 (Concheiros-San Pedro-Almáciga-Galeras-Quiroga Palacios) e cinco vehículos a gas de entre 10 e 11 metros, para a liña 7 (Valle Inclán-Sar-Aríns, con prolongacións a Angrois e Fornás) e para as liñas alimentadoras do rural. Os autobuses serán de piso baixo, para garantir a accesibilidade, e no caso dos vehículos destinados á liña do aeroporto deberán estar provistos de portabultos.

A empresa adxudicataria terá un prazo de 12 meses para subministrar os vehículos definitivos cos que prestará o servizo, habida conta de que as empresas non dispoñen dun número tan elevado de autobueses nin coas características concretas requiridas no prego. Nese tempo, operará con autobuses provisionais, que non serán os que funcionan na actualidade. Na licitación valoraranse tamén as características e antigüidade desta flota que se oferte como provisional, co obxectivo de que as melloras no servizo cheguen desde a entrada en vigor do novo contrato.

Control do servizo e información ás usuarias

O redeseño das liñas e a modernización da flota virá acompañada da renovación do Sistema de Apoio á Explotación, que tamén suporá unha notable mellora do servizo para as persoas usuarias. O novo sistema deberá almacenar e xestionar de forma ordenada, xeolocalizada e en tempo real todas as informacións relativas ao servizo: liñas, itinerarios, lonxitudes de percorrido, expedicións, frecuencias, horarios, tempos, puntos de parada, averías, atascos… Estes datos traduciranse nun maior control do transporte por parte da empresa e do propio Concello, pero ademais permitirá que as persoas usuarias reciban información máis fiable sobre o servizo.

Esa información será subministrada tanto a través dunha nova web que deberá reflectir permanentemente e de forma automática información dinámica e actualizada do servizo, e dunha nova APP que ofrecerá información interactiva das liñas, coas súas frecuencias e horas de paso por cada parada, dar conta da previsión da ocupación da viaxe seleccionada, ou informar da xeolocalización de cada autobús en tempo real. Tal e como se recolle no prego, a información deberá ser actualizada cada 5 segundos.

Tarifas

Un dos obxectivos do Goberno na nova licitación é manter unhas tarifas accesibles no transporte urbano, dentro dunha clara aposta polo transporte público como servizo municipal fundamental e como piar dunha mobilidade máis sostible. Para evitar o encarecemento dos billetes, tendo en conta as numerosas melloras que se prevén na nova licitación, o Concello fará unha achega anual ao servizo que superará os 8 millóns de euros.

Desta maneira, e segundo se recolle nos pregos da licitación, o prezo estimado do billete ordinario será de 1,40 euros; e o do billete escolar queda en 0,56. Co bono ordinario, a modalidade máis utilizada, o prezo da viaxe será de 0,63 euros, só 3 céntimos máis que na actualidade. O bono mensual, que dá dereito a viaxes ilimitadas durante 30 días, quedaría en 35 euros. En canto ao bono pensionista, mantense a previsión da licitación aprobada no pasado mandato, de maneira que haberá 100 viaxes gratuítas ao ano, e a partir de aí o prezo do billete será de 0,50 euros. Por último, a tarifa específica para a liña de bus ao aeroporto, neste caso non bonificada, será de 6 euros para o billete de ida e de 10 euros para o billete de ida e volta.

Relacionado cos billetes, a empresa contratista deberá garantir diferentes medios de pago, ademais do pago en metálico: cartóns intelixentes que poderán ser nominais e recargables ou anónimas de prepago; cartóns de transporte metropolitano compatibles cos sistemas homologados pola Xunta; e dispositivos electrónicos que permitan o pago co móbil ou con tarxeta.

Síguenos en WhatsAppNoticias directo a tu móvil
Unirse →

Por razón da súa contía, o procedemento de licitación terá que ser remitido ao Diario Oficial da Unión Europea ante da súa publicación na Plataforma de Contratación do Sector Público. Os licitadores disporán dun prazo de 40 días naturais para presentar as súas propostas, que se contarán dende o envío do anuncio ao DOUE.

Etiquetas

bus urbanoSantiago de Compostela
Compartir

Síguenos en redes

FacebookInstagramTwitter / XTikTokYouTubeWhatsApp

Últimas noticias

  • Elena Moreira (Fisela): «Las bajas laborales se han convertido en una pandemia silenciosa»

  • Los Premios de Industria y Energía de Galicia reconocen el talento y la innovación del sector

  • 180 patinadores das escolas de Ames participarán no XV Encontro de patinaxe artística

  • «Solo hemos perdido un partido en todo el año»: el Raxoi toca el cielo del hockey femenino

  • ‘Master Class’ sobre peluquería en la presentación de ‘Ruphert te necesito’ en Pontecesures

Suscríbete

Recibe las noticias en tu correo.

Te puede interesar

«Solo hemos perdido un partido en todo el año»: el Raxoi toca el cielo del hockey femenino
Deportes

«Solo hemos perdido un partido en todo el año»: el Raxoi toca el cielo del hockey femenino

Dos peregrinas heridas de gravedad tras un accidente de tráfico en Santiago
Destacado

Dos peregrinas heridas de gravedad tras un accidente de tráfico en Santiago

Camela hará vibrar Santiago con un recorrido por más de tres décadas de éxitos
Arte y Cultura

Camela hará vibrar Santiago con un recorrido por más de tres décadas de éxitos

Detida unha persoa por unha agresión cunha botella no casco histórico de Santiago
Destacado

Detida unha persoa por unha agresión cunha botella no casco histórico de Santiago