Santiago acollerá este sábado o gran desfile de Entroidos Tradicionais de Galicia
Este sábado, 6 de setembro, Santiago de Compostela converterase no epicentro da tradición galega co gran desfile de Entroidos Tradicionais de Galicia, unha oportunidade única para admirar a riqueza e diversidade destas celebracións sen ter que agardar ao próximo ano.
Líder Redacción
4 de septiembre de 2025 a las 19:23
A cita, organizada por Turismo de Galicia, arrincará ás 12:45 horas desde a Praza do Obradoiro, percorrendo as principais rúas e prazas do centro histórico. Entre os protagonistas estarán cinco Entroidos declarados Festa de Interese Turístico —Cobres-Vilaboa, Verín, Viana do Bolo, Xinzo de Limia e Xenerais da Ulla— e outros trece convidados, como o Entroido O Ribeirao de Santiago de Arriba (Chantada), os Vellaróns de Riós, as Bonitas de Sande (Cartelle), os Galos da Mezquita (A Merca) ou o Entroido de Samede (Paderne), entre outros.
A xornada comezará xa ás 10:30 horas na Praza do Obradoiro coa ambientación musical de Dj Mil e A Banda do Beat, que ofrecerán unha mestura de música tradicional galega e sons actuais da World Music. O desfile continuará polas rúas de Fonseca e do Vilar, Praza e Cantón do Toural, rúa Nova, rúa de Xelmírez, Cinco Rúas, rúa do Preguntoiro, Praza de Cervantes, rúa da Acibechería e Praza da Inmaculada, para rematar de novo no Obradoiro.
Será unha ocasión excepcional para ver xuntos, nun único escenario, os mellores Entroidos de Galicia nunha contorna tan emblemática como o casco histórico compostelán.



