Ricardo Durán: “A Semana Verde chega este ano con 786 expositores e máis de 200 actividades para todos os públicos”
Líder Redacción
3 de junio de 2026 a las 12:21
- O director da 48ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia destaca o crecemento da cita, que abrirá este xoves as súas portas en Silleda e reunirá propostas vinculadas á alimentación, o turismo, a gandería, a caza, a pesca, a natureza, a beleza ou as grandes exhibicións para toda a familia
A 48ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia abrirá este xoves as súas portas en Silleda convertida, un ano máis, nun dos grandes referentes multisectoriais do noroeste peninsular. Unha cita de carácter internacional que o pasado ano reuniu a 112.200 visitantes e que nesta nova edición volverá a combinar negocio, lecer, gastronomía, turismo, exhibicións e actividades para todos os públicos.
Así o destacou en Radio Líder Santiago o director do certame, Ricardo Durán, quen subliñou o importante crecemento que experimenta a feira nesta edición. “Semana Verde chega este ano con 786 expositores e máis de 200 actividades para todos os públicos”, afirmou durante a entrevista.
Durán explicou que se trata de “a mellor cifra dos últimos 19 anos” e puxo en valor a capacidade da feira para seguir crecendo e reinventándose edición tras edición. “O visitante xa espera sorprenderse, agarda gozar sen importar a idade, o sexo ou os gustos, porque ao final todo o mundo atopa algo co que gozar en Semana Verde”, sinalou.
Ricardo Durán destacou durante a entrevista a capacidade que ten Semana Verde para reunir propostas moi diferentes dentro dun mesmo recinto e atraer tanto a profesionais como a familias e visitantes de todas as idades. “Nun só paseo estás visitando toda a Península Ibérica”, afirmou o director da feira ao falar do peso que terán sectores como o turismo, a gastronomía, a alimentación, a gandería, a caza, a pesca, a natureza ou a beleza e estética.
A 48ª edición volverá a acoller o 29º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca; o 15º Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia; a 12ª Feira de Festas de Interese Turístico, Festur; a 12ª Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap Abanca, e a segunda edición de Intermax Beauty Show.
Durán puxo ademais en valor o crecemento que están experimentando todos estes espazos e o interese crecente que despierta a feira tanto dentro como fóra de Galicia. “A boa noticia é que todos foron crecendo”, explicou, destacando especialmente o aumento de empresas participantes e o peso cada vez maior de sectores como o turismo, a alimentación ou a estética.
Gastronomía, turismo e oportunidades de negocio
Un dos grandes pilares da feira volverá a ser Salimat Abanca, onde se reunirán preto de 300 empresas vinculadas á alimentación e onde terán protagonismo showcookings, degustacións, concursos e catas.
Ricardo Durán puxo ademais o foco na importancia profesional do certame e nas oportunidades de negocio que xera tanto para o sector alimentario como para o turístico. O director da feira destacou especialmente as bolsas de contratación e os encontros entre empresas galegas e compradores nacionais e internacionais que se desenvolverán durante os dous primeiros días do evento. “É case imposible conseguir reunións máis frutíferas”, asegurou Durán, quen explicou que este tipo de encontros permiten incluso pechar operacións que poden marcar a facturación anual de moitas empresas.
A feira contará este ano con expositores de países como Portugal, Francia, Italia, Alemaña, Corea do Sur ou Ecuador e volverá a reforzar a súa dimensión internacional coa presenza de compradores e turoperadores chegados de distintos mercados. “Semana Verde é xa un evento de referencia turística”, afirmou Durán, quen destacou ademais o crecente atractivo que ten a cita para visitantes de fóra de Galicia.
Máis de 200 actividades e grandes espectáculos
A programación volverá a reunir actividades para todos os públicos, desde concursos morfolóxicos de gando e exhibicións équestres ata probas caninas, actividades de cetrería, degustacións gastronómicas, competicións deportivas ou espectáculos sobre rodas.
Entre as grandes novidades deste ano, Durán destacou o regreso do freestyle. “Vai ser espectacular”, sinalou sobre esta exhibición de motos acrobáticas que volverá a celebrarse despois de sete anos.
A feira incorporará ademais novas propostas vinculadas ao espazo Intermax Beauty Show, entre elas unha batalle de barberos que se celebrará o domingo e que reunirá a distintos profesionais do sector competindo en directo ante o público e un xurado especializado.
Outro dos momentos máis agardados volverá a ser o espectáculo équestre de Paco Martos Horse Show, convertido xa nun dos grandes reclamos da feira. “Todo o mundo queda encantado do espectáculo”, asegurou o director do certame sobre esta proposta que combina cabalos, aves rapaces, cans e música en directo.
Durán lembrou ademais que a entrada ao recinto será gratuíta e animou ao público a planificar con tempo a visita consultando a programación completa na web oficial do evento: www.semanaverde.es
A 48ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia celebrarase desde este xoves e ata o domingo na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda, con entrada gratuíta. O xoves e o venres o horario será de 10.00 a 20.00 horas e durante o fin de semana ampliarase ata as 21.00 horas.