Publicadas as listas definitivas das escolas infantís de Santiago para o vindeiro curso
04/06/2024 O Concello de Santiago acaba de publicar a listaxe definitiva de admitidos/as e excluídos/as así como a lista de agarda para as escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Salgueiriños-Meixonfrío. As familias con nenos e nenas que teñan adxudicada unha praza para este curso escolar 2024-2025 deberán formalizar a matrícula entre o día 11 e o 18 de xuño.
Líder Redacción
4 de junio de 2024 a las 14:22
O pasado 3 de xuño, a Xunta de Goberno acordou aprobar as listaxes definitivas de admitidos, excluídos e listas de agarda nas Escolas Infantís Municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños para o curso 2024-2025.
Entre o día 11 e o 18 de xuño, as familias con nenos e nenas que teñan adxudicada unha praza para este curso escolar 2024-2025 deberán achegarse á escola infantil correspondente para proceder á formalización da matrícula. Na escola contarán con toda a información e asesoramento relativo ao seu funcionamento, poderán visitar as instalacións e recoller os impresos necesarios para a formalización da matrícula.
Segundo os datos facilitados pola concelleira de Educación, Míriam Louzao, «en total presentáronse 259 solicitudes para as tres escolas, das que se ocuparon 212 e quedan en lista de agarda 44 solicitudes. A maioría, 38, para o tramo de 0-1 anos, 6 serían do tramo de 1-2 anos e entraron todas as solicitudes que chegaron para o tramo de 2-3 anos, onde incluso quedan prazas vacantes en Conxo e en Meixonfrío-Salgueiriños».
O maior número de solicitudes foi no tramo 0-1 no que só pode haber 8 nenos ou nenas en cada aula. «En todo caso, naquelas escolas nas que foi posible adoptáronse medidas para acoller o máximo número de persoas para o que se fixo unha redistribución das unidades. En Conxo pasamos unha unidade de 2-3 a 1-2 e nas Fontiñas unha unidade 2-3 a unha agrupación 1-3», detallou Míriam Louzao.