O PSdeG de Santiago esixe a dimisión do xerente do SERGAS polo colapso das urxencias do CHUS
O deputado socialista no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG-PSOE de Santiago, Aitor Bouza, advertiu de que a situación no hospital de referencia da área sanitaria compostelá está a afectar gravemente á atención á cidadanía e non pode ser considerada un feito illado.
Líder Redacción
15 de enero de 2026 a las 17:43
Bouza denunciou que o colapso das urxencias é consecuencia directa da “mala xestión sanitaria da Xunta de Galicia” e criticou que o Goberno galego continúe cualificando estes episodios como situacións puntuais. “Hoxe comprobamos que son un problema estrutural que repercute directamente na calidade da atención sanitaria”, subliñou.
O dirixente socialista puxo tamén o foco na responsabilidade do Executivo presidido por Alfonso Rueda na designación dos cargos directivos do sistema sanitario. Segundo indicou, “estase nomeando a persoas incapaces de xestionar un ámbito tan esencial como a sanidade pública, especialmente nunha área tan relevante como a de Compostela”.
Desde o PSdeG de Santiago avanzaron que continuarán reclamando explicacións nas institucións e esixiron ao presidente da Xunta unha implicación inmediata para solucionar a situación. “É imprescindible adoptar medidas urxentes que poñan fin ao colapso das urxencias do CHUS e garantan unha sanidade pública de calidade, un dos piares fundamentais do noso Estado do benestar”, concluíu Aitor Bouza.