O Afilador e La Galiciana serán punto de encontro dos obradoiristas para seguir os playoffs en Palencia
Para aqueles seareiros do Monbus Obradoiro que non poidan desprazarse a Palencia esta fin de semana, tamén haberá forma de vivir a emoción dos playoffs de ascenso á Liga ACB en boa compañía. Os locais composteláns O Afilador e La Galiciana acollerán á marea obradoirista que queira reunirse para seguir en directo os partidos cruciais que o equipo xogará fronte ao Súper Agropal Palencia.
Líder Redacción
22 de mayo de 2025 a las 11:56
Tanto o venres 23 coma o domingo 25 de maio ás 20:00 horas, estes espazos converteranse en auténticas gradas improvisadas onde a paixón polo Obra se sentirá ben preto. Os partidos serán proxectados en pantallas, creando un ambiente especial para animar ao equipo desde Santiago. Recómendase á afección reservar con tempo.
Deste xeito, tanto quen viaxe a Palencia coma quen quede na cidade terá a oportunidade de compartir esta etapa decisiva cos demais seareiros. A afección, sempre clave, poderá demostrar unha vez máis por que é unha das máis fieis e entregadas do baloncesto español.



