Francisco Pérez, novo alcalde de Noia tras prosperar a moción de censura contra Santiago Freire
O socialista Francisco Pérez Caamaño asumiu este luns a alcaldía de Noia ao prosperar a moción de censura presentada contra o popular Santiago Freire, quen ocupaba o cargo desde 2016. A iniciativa contou cos votos favorables do PSdeG, BNG, Marea Cidadá e dun concelleiro non adscrito, Luis Alamancos, antigo membro do grupo popular.
Líder Redacción
11 de agosto de 2025 a las 18:31
TVG
No texto da moción, os asinantes acusaron ao goberno de Freire de falta de transparencia na contratación, deficiencias na xestión de infraestruturas e servizos públicos e de actuar “de costas” á cidadanía. Pola súa banda, o alcalde saínte defendeu a boa saúde económica do Concello, atribuída á súa xestión, e acusou a Alamancos de “traizoar” a confianza depositada nel.
O pleno extraordinario desenvolveuse sen incidentes e cun salón cheo de veciños, que aplaudiron segundo as súas preferencias as intervencións dos portavoces. Xa coa vara de mando, Pérez Caamaño comprometeuse a recuperar servizos públicos deteriorados e a reactivar a economía dunha vila que cualificou de “potencia marisqueira a nivel galego”.
Esta é a primeira moción de censura aprobada en Galicia neste mes de agosto, nun contexto político marcado polo recente pronunciamento do Tribunal Constitucional, que eliminou o veto aos concelleiros tránsfugas para promover e apoiar este tipo de iniciativas.