Desarticulado un grupo dedicado a roubos en garaxes de Milladoiro
Efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Milladoiro-Ames, no marco da Operación QUIMIQUE e en colaboración coa Policía Local de Ames, procederon á detención dun home de 36 anos e dunha muller de 19 anos, así como á investigación dun home de 23 anos, como presuntos autores de varios ilícitos penais de roubo con forza, furto e estafa.
Líder Redacción
5 de junio de 2026 a las 11:40
A investigación iniciouse a mediados do pasado mes de marzo tras detectarse un incremento significativo de feitos delituosos contra o patrimonio no núcleo urbano de O Milladoiro. A maioría dos ilícitos consistían en roubos con forza no interior de vehículos estacionados en garaxes comunitarios e furtos dentro dos mesmos recintos.
Os investigados accedían ao interior dos garaxes comunitarios durante as horas nocturnas, aproveitando a entrada ou saída dos vehículos dos residentes. Unha vez no interior, sustrában de forma indiscriminada efectos variados como prendas deportivas, documentación persoal, diñeiro en efectivo, ferramentas, dispositivos electrónicos e bicicletas.
Posteriormente, o pasado 16 de maio localizouse ao principal encausado na cidade de Santiago de Compostela. Igualmente, procedéronse á detención da súa parella, que presuntamente colaboraba na estrutura delituosa mediante a venda dos efectos sustrados nun establecemento de compra e venda de segunda man. Para rematar, formalizouse a investigación dun terceiro home de 23 anos pola súa implicación directa na logística dos feitos descritos.
O valor total dos obxectos sustrados e dos danos causados nos vehículos supera os 7.000 euros. Ademais, constatouse o uso fraudulento dunha tarxeta bancaria sustrada nun establecemento de máquinas expendedoras da localidade, o que constitúe un presunto delito de estafa.
Fruto do desenvolvemento das pesquisas, parte dos efectos sustratos foron recuperados e devoltos aos seus legítimos propietarios. As dilixencias instruídas foron remitidas ao Tribunal de Instancia de Garda de Santiago de Compostela.