Compostela prende este venres o Nadal: Esta é toda a programación
Santiago de Compostela encenderá este venres 28 de novembro o alumeado que marcará o inicio oficial da programación “Compostela, a estrela do Nadal”, unha proposta intensa, diversa e especialmente pensada para o público familiar.
Líder Redacción
26 de noviembre de 2025 a las 21:26
Acendido do Nadal no Obradoiro
A festa de acendido celebrarase ás 19:00 horas na praza do Obradoiro cun espectáculo protagonizado por artistas locais. A compañía de circo Pistacatro, recentemente galardoada co Premio Nacional de Circo 2025, ofrecerá un extracto do seu show Sen patrón.
Antes, ás 18:30 h, partirán dúas comitivas desde a Carreira do Conde e a Porta do Camiño, acompañadas por grupos tradicionais, facendo paradas no Toural e en Cervantes para prender as instalacións luminosas destas prazas.
No preludio do acendido tamén participarán artistas de Circo Mestura coa disciplina de lollipop, e a compañía Duelirium, que preparou unha intervención especial nas alturas, con bailarinas e acompañamento musical de Mónica de Nut.
Iluminación: máis de 290 arcos e 125 árbores iluminadas
A cidade contará este Nadal con:
-
2.935 metros de corredores luminosos
-
290 arcos
-
296 motivos en farolas
-
8 elementos singulares
Unha árbore transitable de 20 metros no Obradoiro
Dous paraugas de grilandas no Toural e Cervantes
Iluminación especial en Praterías, praza Roxa, praza de Galicia, o antigo Concello en Cervantes e o Pazo de Raxoi
125 árbores iluminadas e decoración en parroquias
A iluminación activarase este venres, dando inicio ao Nadal compostelán, que incrementará actividade ao longo de decembro.
Xardín dos xogos do Obradoiro
Tamén o venres abrirá o xardín dos xogos, que medra en altura e incorpora novos elementos deseñados para estimular a creatividade e o xogo libre. Complementarase coa instalación do xardín das oito puntas, que este ano integrará árbores naturais xa existentes en varios barrios.
Apoio ao comercio local
A campaña inclúe iniciativas para dinamizar o comercio de proximidade, como a ruleta de agasallos “Eu Merco Aquí”, presente na Praza Roxa e na Alameda, onde se repartirán premios a cambio dun tícket de compra no comercio local.
Carpa Roxa e Carpa da Alameda
As dúas grandes carpas ofrecerán decenas de actividades:
Carpa Roxa (desde o 5 de decembro)
-
Máis de 30 actividades e obradoiros
-
Ciclo musical Son Xove os venres e sábados
-
Novidade: programación “Eh! Domingo!”, con propostas como a discoteca de señoras e señores, actuacións musicais e Bingos Musicais
Carpa da Alameda (desde o 19 de decembro)
-
Actividades específicas para nenos e nenas
-
Pista de xeo ecolóxica
Mercados de Nadal
-
Mercado de Nadal da Carreira do Conde: do 28 de novembro ao 5 de xaneiro.
-
Mercado de Nadal de Área Central: do 20 de decembro ao 5 de xaneiro.
Reunirán case 90 expositores de alimentación, artesanía, ilustración, téxtil, cosmética e produtos solidarios, ademais dun espazo infantil con preto de 40 obradoiros.
Programación nos centros socioculturais
Os centros municipais ofrecerán 75 actividades, con obradoiros infantís, familiares e para adultos: cociña de Nadal, elaboración de centros de mesa, velas, monicreques e talleres de circo na Casa das Máquinas con CircoNove.
Carreira de San Silvestre
A tradicional carreira celebrarase o 31 de decembro ás 17:00 h con saída no Obradoiro. O obxectivo é superar as máis de 2.200 inscricións do ano pasado.
Festa de Fin de Ano
O 31 á noite repetirase o formato de éxito: música na rúa coa Mecánica Rolling Band e as badaladas no Obradoiro para recibir o 2026.
Outros eventos destacados
-
Quedada “Estrelas e Desexos”: 30 de decembro na Alameda, coa Orquestra de Malabares de Pistacatro.
-
Festa do Apego: sábado 27 no Auditorio.
-
Ruada do Apalpador e Cabalgata de Reis.
Animación de rúa durante todo o mes.



