Comeza a programación cultural de Ames coa obra de teatro “Unha inimiga do pobo”
Líder Redacción
15 de enero de 2024 a las 18:23
- O auditorio da Casa da Cultura de Milladoiro acolle este venres, 19 de xaneiro, ás 20.30 horas, a estrea da obra de teatro “Unha inimiga do pobo”
- Trátase do primeiro espectáculo incluído dentro da programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024” , que inclúe 12 espectáculos de teatro e danza
- É unha adaptación da obra homónima de Heinrik Ibsen, na que se denuncia unha forma de facer política que antepón os beneficios económicos sobre a saúde da poboación
- Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames

Ames, 15 de xaneiro de 2024.- O auditorio da Casa da Cultura de Milladoiro acolle este venres, 19 de xaneiro, ás 20.30 horas, a estrea da obra de teatro “Unha inimiga do pobo”. O espectáculo esta dirixido por Tito Asorey e producido por Talía Teatro. Os convites xa se poden adquirir na Billeteira electrónica . Esta obra é unha adaptación da obra homónima de Heinrik Ibsen, na que se denuncia unha forma de facer política que antepón os beneficios económicos sobre a saúde da poboación, ao tempo que permite reflexionar sobre o poder dos medios de comunicación á hora de moldear a opinión pública e colocala no lugar no que ao poder lle interesa. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.
Este venres, 19 de xaneiro, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle a representación da obra de teatro “Unha inimiga do pobo” ás 20:30 horas. Trátase do primeiro espectáculo incluído dentro da programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024” , que inclúe 12 espectáculos de teatro e danza.
A obra “Unha inimiga do pobo” é unha adaptación dunha das pezas máis significativas do dramaturgo Heinrik Ibsen. Nela denúnciase unha forma de facer política que antepón os beneficios económicos sobre a saúde da poboación, ao tempo que permite reflexionar sobre o poder dos medios de comunicación á hora de moldear a opinión pública e colocala no lugar no que ao poder lle interesa.
A vixencia deste texto maniféstase ao descubrir como os problemas incipientes que o protagonista afrontaba no século XIX aínda se volveron máis profundos e nocivos na actualidade. Coa vontade de aproximar aínda máis a peza, a Galicia actual serve de escenario para unha proposta onde a desinformación, o poder das redes sociais, a crise ecolóxica e a depredación neoliberal deseñan un contexto hostil no que as emocións humanas son sometidas á máxima presión.
Sinopse de “Unha inimiga do pobo”
Helena é unha doutora de prestixio internacional que regresa á súa vila natal para comezar unha nova etapa. Embarazada de sete meses, afronta o seu novo estado coa ilusión posta nun novo proxecto profesional: o balneario que ela mesma deseñou, e que se presenta como un alternativa turística sostible e saudable para a súa vila. A inesperada contaminación das augas da zona e a súa loita por preservar a saúde da poboación fronte aos intereses económicos van colocala no punto de mira da veciñanza, que ve como se pon en risco a prosperidade da comunidade.
Talía Teatro
Talía Teatro é unha compañía creada en 1988 cun selo propio e orixinal. Os seus espectáculos son unha marca con denominación de orixe, que definen un estilo e unha forma característica de facer teatro.
Actualmente, esta compañía é unhas das compañías galegas con máis capacidade de produción e distribución. A través das súas representacións buscan, desde os seus inicios, a dignificación do teatro e das artes escénicas como transmisores dos valores culturais de Galicia.



