Asociacións veciñais esixen unha mesa entre Raxoi e o Sergas para evitar o caos para aparcar no CHUS
Líder Redacción
3 de abril de 2024 a las 17:22
Reunión asociacións veciñais!
Explican que o incremento de servizos e instalacións hospitalarias fixo aumentar o tráfico rodado e evidenciou a falta de aparcadoiro
Debateron onte esta cuestión nunha xuntanza no Centro Sociocultural O Ensanche, ademais do problemas derivados da organizacións das festas nos barrios da cidade
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2024 (Vía Láctea Comunicación).- As asociacións veciñais A Xuntanza, Río Sarela de San Lourenzo, Casco Histórico – San Martiño Pinario, Conxo Aberto, Escultor Asorey, Sta. Cristina de Fecha, Raigame, Álvaro Cunqueiro, Sandra Prego, Santa Marta e a Asociación de Veciños Cidade Histórica FONSECA reuníronse onte no Centro Sociocultural O Ensanche para falar dos problemas ocasionados pola falta de aparcadoiro na contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), ademais de analizar a problemática derivada da organización das festas nos barrios da cidade.
Sobre a cuestión do aparcadoiro do CHUS, as asociacións puideron constatar que, desde a construción do hospital, os servizos alí prestados fóronse incrementando co tempo, e hoxe están instalados o PAC (Puntos de Atención Continuada) de Santiago, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), e o Aulario da Facultade de Medicina, aos que se sumará nun futuro próximo a ampliación do hospital e o Centro de Protonterapia de Galicia.
As asociacións explican que nestes anos tamén se ampliou a área xeográfica que serve ao hospital, incrementándose o número de vehículos que diariamente acceden ao centro hospitalario. “Estes incrementos de servizos e instalacións non levaron aparellado un incremento da superficie de servizo do recinto nin do espazo de aparcadoiro” –indican os representantes veciñais–.
Neste contexto, as organizacións de veciños concluíron que é preciso que o Concello de Santiago proceda á ordenación de toda a área da contorna do CHUS, ademais de que se estableza unha mesa de negociación entre o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o Concello para “acadar un bo acordo para os usuarios do CHUS e para a cidade de Santiago”. Tamén indicaron a necesidade de reforzar a puntualidade e as frecuencias dos servizos de autobuses urbanos, así como a urxencia de adoptar solucións provisionais de aparcadoiro mentres dure a construción do novo estacionamento.
Reunión co Concello para analizar conxuntamente os problemas loxísticos, técnicos e de seguridade que xorden na organizacións das festas
As asociacións veciñais destacan que é necesario elaborar un documento no que se recollan os principais problemas loxísticos, técnicos e de seguridade asociados actualmente a organización das festas patronais, as cacharelas de San Xoán, os Magostos ou o Entroido. Indican que é fundamental redactar unha proposta de solucións estandarizadas que simplifiquen, na medida do posible, o traballo organizativo das comisións das festas. Unha vez concluídos estes traballos, acordaron solicitar unha reunión co equipo de goberno e os técnicos do Concello para analizar conxuntamente as solucións propostas e adoptar os acordos nos que se concreten as axudas e o soporte técnico a facilitar por parte do consistorio.
Tamén se puxo de manifesto no encontro a necesidade de elevar a contía das axudas anuais e de modificar o espazo temporal das actividades cubertas por estas achegas municipais, porque tal como están configuradas neste momento non dan cobertura aos eventos celebrados no último trimestre do ano.