Arzúa remata a mellora integral da rúa Calexa, ampliando o proxecto inicial con fondos propios
Arzúa, 7 de outubro de 2025.– O Concello de Arzúa, a través da concelleira de Acción Urbana, Begoña Balado, informa da finalización e posta en funcionamento das obras de mellora na rúa Calexa, un proxecto que foi ampliado significativamente tras escoitar as necesidades da veciñanza nunha reunión mantida coa comunidade.
Líder Redacción
7 de octubre de 2025 a las 20:11
Inicialmente financiado cunha partida da Deputación Provincial, o Concello decidiu ampliar o alcance da actuación con fondos propios para dar unha resposta máis completa ás demandas cidadás. A obra xá se atopa en funcionamento e nos próximos días completarase coa colocación do mobiliario urbano.
As melloras executadas inclúen:
Aparcamento e infraestrutura: Toda a zona de aparcamento foi acondicionada con gabia revestida de formigón e unha completa rede de pluviais baixo o pavimento, con sumidoiros aproximadamente cada 25-30 metros no lateral dereito (en subida), culminando cun sobrancho en aglomerado.
Ampliación superior: Ademais do proxecto base, executouse unha ampliación que comprende a parte superior das edificacións, tamén con gabia revestida, e o acondicionamento da zona diante dos edificios, que inclúe un sistema de recollida de augas pluviais.
A concelleira Begoña Balado destacou «o compromiso do goberno local por escoitar a cidadanía e mellorar a calidade de vida nos nosos espazos urbanos. A ampliación do proxecto na rúa Calexa, que xa é unha realidade, responde a ese obxectivo de aproveitar e embelecer o noso entorno para o disfrute de todos os veciños e veciñas».
Con esta intervención, o Concello de Arzúa dota á rúa Calexa dunha infraestrutura moderna, funcional e sostible, mellorando tanto a estética como o servizo para a comunidade.