Aberta a inscrición para os Premios RAGC-UIE a investigadores de ata 40 anos en Galicia
A Real Academia Galega de Ciencias e a Universidad Intercontinental de la Empresa convocan a segunda edición dos “Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves”. O obxectivo destes galardóns é impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da nosa comunidade, apostando polo coñecemento científico como motor de progreso.
Líder Redacción
14 de abril de 2026 a las 11:24
Este certame, que ten unha periodicidade bienal, distingue tres ramas de coñecemento, cunha dotación de 5000 euros cada un dos tres premios. Por un lado, recoñécese a contribución da investigación ao desenvolvemento das Ciencias Básicas en Galicia, en calquera dos campos da física, a química, as matemáticas, a bioloxía, as ciencias biomédicas e a xeoloxía. Ademais, prémiase o impacto da investigación no desenvolvemento das Ciencias Sociais na nosa comunidade nos eidos da economía, a socioloxía, a antropoloxía social e a psicoloxía social. Por último, na rama das Ciencias Técnicas recoñécese a contribución da investigación ao desenvolvemento tecnolóxico nas áreas da enxeñaría e a arquitectura, valorando o grao de innovación e a súa aplicabilidade. En cada unha das categorías poderá concederse un accésit.
Poderán presentar a súa candidatura todas aquelas investigadoras e investigadores que desenvolvan a súa actividade en Galicia e que non superen os 40 anos de idade, ou os 42 no caso das mulleres que foran nais ou das persoas con algunha incapacidade.
O 7 de maio remata o prazo para presentar as candidaturas a estes premios
As candidaturas deberán presentarse a través dun formulario específico na web da RAGC (www.ragc.gal), describindo a traxectoria investigadora. Valorarase a contribución á creación de coñecemento por medio de publicacións en libros e revistas, a traxectoria internacional, a dirección ou participación en proxectos e captación de fondos para investigación, a dirección de teses de doutoramento e de proxectos fin de máster, así como a difusión da ciencia á sociedade. O prazo da convocatoria remata o vindeiro 7 de maio. As premiadas e premiados recibirán os seus galardóns nun acto que se celebrará en xuño.
Miguel Ángel Escotet: “UIE comprométese coa investigación básica e aplicada, especialmente cos mozos investigadores”
En palabras do reitor da Universidad Intercontinental de la Empresa, Miguel Ángel Escotet, “con iniciativas como o seu instituto universitario de investigación ou estes premios, xa na súa segunda convocatoria bienal, UIE comprométese coa investigación básica e aplicada, e, especialmente, cos mozos investigadores. Formación, investigación e servizo social e cultural á comunidade son obxectivos que están insertos no noso ADN e, para promovelo, dedicamos o 5% do noso orzamento anual a investigación e transferencia”. Neste sentido, engade o reitor, “a RACG e a UIE impulsan con este certame a dinamización do saber, ao estar enfocado a dar recoñecemento público e potenciar as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros de investigación en Galicia, e que contribúen co seu labor ao impulso do coñecemento científico como motor indispensable de progreso social”.