A Casa dos Capeláns acolle ata o 29 de febreiro a mostra do 150 aniversario do ferrocarril en Galicia
Líder Redacción
19 de enero de 2024 a las 23:37
- O alcalde de Padrón inaugurou esta tarde a exposición, que conta con paneis informativos, fotografías e obxectos vencellados á historia do tren
- Estará aberta ata o xoves 29 de febreiro de luns a sábado
- A visita é unha excusa excelente para achegarse na Fundación Cela á locomotora que tirou do primeiro tren galego
Padrón. 19-1-2023.- A Casa dos Capeláns, en Iria Flavia, acolle desde esta tarde a exposición ‘150 aniversario do primeiro ferrocarril galego’ coa que se recorda a chegada do tren a Galicia o 15 de setembro de 1873, día no que se realizou o primeiro traxecto da liña que unía Cornes, en Santiago, con Carril, en Vilagarcía.
No acto de inauguración da mostra estiveron presentes o alcalde de Padrón, Anxo Arca, xunto a varios membros da corporación municipal, e o comisario da mostra Carlos Abellán, presidente da Asociación Compostela de Amigos del Ferrocarril.
A exposición lembra esa primeira liña, que uniu a capital galega co mar, e tamén fai un percorrido polo desenvolvemento do ferrocarril en Galicia con paneis informativos, fotografías e obxectos históricos vencellados ao mundo ferroviario.
Con entrada gratuíta, estará aberta de luns a sábado na Casa dos Capeláns ata o 29 de febreiro. Entre semana, o horario será de 10.00 a 14.00 horas pola mañá e de 17.00 a 20.00h. polas tardes. Os sábados abrirá só pola tarde de 17.00 a 20.00 horas.
A visita supón, ademais, unha oportunidade excelente para achegarse tamén a coñecer a locomotora que tirou dese primeiro tren galego. Bautizada popularmente como Sarita e recentemente rehabilitada, pode verse de novo dende hai uns meses nos exteriores da Fundación Pública Camilo José Cela.