A auga e o nome dun colexio incendian o ‘Hai Debate’ de Radio Líder Santiago
O último Hai Debate en Radio Líder Santiago converteuse nun escenario de forte confrontación política arredor de dous asuntos clave: o futuro modelo de xestión do ciclo integral da auga e o cambio de denominación do CEIP Apóstolo Santiago. Dúas cuestións distintas que acabaron retratando a profunda división entre goberno e oposición.
Líder Redacción
3 de marzo de 2026 a las 19:14
Pola esquerda, Xan Duro (CA), Adrián Villa (PP), Marta Abal (PSdG -PSOE) e Xesús Domínguez (BNG) durante o debate
O contrato da auga, encallado
O debate máis técnico e de maior impacto económico foi o relativo ao ciclo integral da auga, un servizo que require importantes investimentos na rede de abastecemento e saneamento.
Sobre a mesa existen tres modelos posibles: xestión directa municipal, concesión a unha empresa privada ou sociedade mixta con maioría pública. A comisión específica creada para analizar o asunto encargou informes técnicos á Cátedra da Auga da Universidade da Coruña. Segundo defenden BNG e Compostela Aberta, estes estudos apuntan á sociedade mixta como opción máis equilibrada, ao permitir control público e limitar os custos financeiros.
Con todo, na comisión prosperou elevar ao pleno a proposta de concesión administrativa, defendida por PSdeG-PSOE e PP. A sesión plenaria deixou unha escena inesperada: os socialistas votaron a favor da concesión, o PP abstívose e o goberno municipal votou en contra, o que provocou que a iniciativa non prosperase.
As acusacións foron inmediatas. O PSdeG criticou ao executivo local por investir case tres anos e preto de 80.000 euros nun estudo que cualifica de excesivamente teórico e por non ofrecer unha solución práctica. Ao mesmo tempo, responsabilizou ao PP de bloquear xa en 2022 unha saída concesional que, ao seu xuízo, permitiría ter resolto o problema.
Pola súa banda, o PP sostén que non bloqueou nada e que quen votou en contra de desbloquear o contrato foi o goberno local. Desde o bipartito replican que resulta incoherente promover a concesión na comisión e despois absterse no pleno.
O debate inclúe cifras relevantes: as necesidades de investimento superan amplamente os 90 millóns de euros, incluíndo actuacións na captación e na estación depuradora do Tambre. Mentres non haxa acordo político, o modelo de xestión seguirá sen definirse.
O cambio de nome do CEIP, outra fronte aberta
Se o debate da auga foi técnico e económico, o do CEIP Apóstolo Santiago moveuse no terreo simbólico. A ANPA do centro propuxo cambiar a denominación por CEIP da Almáciga, en referencia ao barrio onde se atopa o colexio. A iniciativa foi aprobada por unanimidade no Consello Escolar.
O procedemento establece que o pleno municipal debe emitir informe antes de que a Consellería de Educación adopte a decisión definitiva. Porén, a proposta non saíu adiante debido á oposición do PP e doutros concelleiros.
PSdeG e BNG defenderon que se trata dunha decisión lexítima da comunidade educativa e acusaron ao PP de polarizar innecesariamente o debate. Os populares, en cambio, argumentaron que o nome “Apóstolo Santiago” forma parte da identidade histórica da cidade e que representa tamén a antigos alumnos e veciñanza que non comparten o cambio.
O debate deixou intervencións duras, con referencias á “polarización”, á “irresponsabilidade” e mesmo ao “bochorno” polo ton empregado. O que comezou como un trámite administrativo acabou convertido nun novo foco de confrontación política.



