Novidades na convocatoria
A convocatoria establece tres modalidades de bolsas: as dirixidas a familias con escaseza de recursos económicos, que poden ser bolsas de comedor ou bolsas para a realización de actividades extraescolares; as bolsas para a adquisición de material escolar para o segundo ciclo de educación infantil, que non quedan limitadas ás familias con escaseza de recursos como acontecía en anteriores convocatorias; e as bolsas de comedor para facilitar a conciliación.
No que ten que ver coas contías, a principal novidade prodúcese nas bolsas para a adquisición de material escolar, que serán dun máximo de 100 euros nun pago único, fronte aos 60 euros de anteriores convocatorias. Ademais, poderán solicitar estas axudas as familias que non superen a renda familiar anual de 5 veces o IPREM (36.000 euros anuais), mentres que ata agora estaban limitadas a familias que non superaran a renda per cápita do 100% do IPREM anual, fixado en 7.200 euros. A concesión destas bolsas está limitada ao crédito máximo de 50.000 euros.
Na modalidade de bolsas de comedor por motivos de escaseza de recursos, a contía establecida na convocatoria mantense en 90 euros mensuais, pero como novidade incorpórase a posibilidade de conceder axudas de ata 180 euros mensuais no caso dos centros escolares de educación especial. Ademais, no caso destes centros as axudas tamén se poderán solicitar para Secundaria.
En canto ás bolsas para a realización de actividades extraescolares, abonaranse ata 15 euros mensuais no caso de actividades de 1 hora un un día á semana, e ata 30 euros mensuais para o caso de actividades dende 2 horas ou 2 días á semana. Nestes dous casos, establécense novos criterios de baremación, para facilitar o acceso ás axudas de máis familias.