A edil explicou que, como consecuencia, “ano tras ano, desde que entrou este goberno, están reducindo o número de actuacións de obra pública que están a licitar”. Apuntou que en 2023 “licitáronse un total de 23 obras públicas”, mentres que en 2024 “foron só 16” e que, no que vai de 2025, “a última obra pública licitouse o 12 de agosto e hai tan só 17 actuacións”.
“Temos un baixón bastante importante en canto ao número de actuacións”, engadiu Abal, quen subliñou que isto implica que “estamos a intervir moito menos no noso espazo público e en mellorar as condicións de urbanización e investimento nos barrios”. En termos comparativos, a concelleira socialista afirmou que en dous anos e medio de goberno o actual goberno licitou “un 22,41%” menos de actuacións de obra pública que nos primeiros dou anos do mandato anterior.
A concelleira incidiu en que a situación é “máis preocupante” tendo en conta que “este é o segundo ano completo de goberno de Compostela Aberta e do Bloque Nacionalista Galego”, cando “xa deberían estar máis que entrenados e contan cunha estrutura administrativa máis reforzada”. Comparou a situación coa anterior lexislatura: “No noso ano 2021, que era o segundo ano completo, estábamos en pandemia e licitamos un 50% máis”, segundo indica a concelleira, de contratos de obra pública.
Abal concluíu que “non temos falta de crédito, de feito imos amortizar débeda, pero si temos unha falta de capacidade e de impulso político”. Segundo indicou, “do plan de contratación de 2025, que prevé 31 actuacións de obra pública, só están licitadas 14”. Ademais, lembrou que “o anexo de investimentos deste ano ascende a case 12,5 millóns de euros, dos cales máis de oito millóns aínda non se dispoñen”.
A socialista advertiu que “dos 5,8 millóns previstos pola venda de parcelas, só se van producir 2,17 millóns de euros”, polo que “decaen 3,63 millóns do anexo de investimentos”. Ante esta situación, anunciou que o grupo socialista proporá “negociar que actuacións van decaer no marco da negociación dos orzamentos de 2026”.