A distinción de Embaixador ou Embaixadora do Melindre recoñece o labor de persoas ou institucións pola promoción de Melide e, directa ou indirectamente, da repostaría tradicional da vila.
Pilar López López
No caso de Pilar López López, o Concello destaca o seu papel como xerente de ASETEM e figura clave na dinamización do comercio local e na promoción da gastronomía e dos produtos estrela da vila, como son os ricos, melindres e amendoados.
Pilar López leva anos traballando de maneira incansable para fortalecer o tecido empresarial da vila, impulsar campañas de apoio ao comercio de proximidade e poñer en valor os produtos que definen a contorna melidense. “O seu compromiso coa comunidade, a súa capacidade de mobilización e a súa defensa constante da tradición e da calidade convértena nunha representante excepcional para esta edición da festa”, aseguran.
A pesar de non nacer en Melide, Pilar López é unha “firme” embaixadora da vila, das súas tradicións e, especialmente, do comercio, da hostalaría e das empresas locais, así como dos melindres, ricos e amendoados.
Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide (ASETEM)
Pola súa banda, a Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide (ASETEM) naceu o 30 de outubro de 1989 co obxectivo de defender os intereses do empresariado da comarca. Desde os seus inicios, a entidade integrou autónomos e empresas de diferentes sectores, converténdose nun axente clave para a dinamización económica de Melide e dos concellos da zona.
Ao longo da súa traxectoria, ASETEM mantívose fiel ao compromiso de promover o comercio e a actividade empresarial local, dando un paso decisivo en 2005 coa súa constitución como Centro Comercial Aberto e consolidándose en 2010 como colectivo único de representación empresarial tras a integración doutras asociacións.
Na actualidade, continúa a ser un referente no apoio, modernización e fortalecemento do tecido económico da Terra de Melide. Ademais, “destaca polo impulso de numerosas iniciativas entre os seus asociados e asociadas para promover e poñer en valor a Festa do Melindre e a repostaría tradicional, así como os produtos máis representativos da comarca: amendoados, ricos e melindres”, aseguran dende o Goberno local.