O sábado 1 de marzo, realizarase a Festa de Entroido, na Praza da Maía de Bertamiráns. A partir das 17.00 horas, haberá unha exhibición de baile a cargo do Club deportivo de baile Danzaya xunto coa actuación musical de Dani Barreiro & Friends.
Concurso de disfraces
O domingo, 2 de marzo, organízase o concurso e desfile de Entroido do Concello de Ames, que se realizará no Milladoiro e no que poderán participar persoas de todas as idades tanto as persoas a nivel individual ou en grupo, asociacións legalmente constituídas, comunidades, etc. As persoas menores de idade terán que participar baixo a responsabilidade dunha persoa adulta, que actuará como representante para todos os efectos que se deriven do concurso. As asociacións serán representadas pola persoa que asuma o cargo da presidencia ou persoa en quen delegue.
As inscricións realizaranse no correo electrónico entroidoames@gmail.com ata o 26 de febreiro como data límite. Para realizar a inscrición deberanse achegar os seguintes datos; título do disfrace, nome e apelidos da/s persoa/s representante/s, DNI, teléfono de contacto, número de compoñentes, se levan música ou se levan carroza (e neste caso indicar as medidas).
Os/as participantes deberán presentarse na Casa da Cultura do Milladoiro o domingo 2 de marzo, entre as 15:30 e as 16:00 horas. O xurado estará composto por tres membros designados pola Xuntanza de Empresarios de Ames e valorará os diferentes disfraces conforme á creatividade, á caracterización e á orixinalidade.
A saída farase ás 17.00 horas dende o aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. Os/as participante percorrerán as rúas do Milladoiro durante unha hora e media, polo que ás 18:30 horas terá lugar a entrega de premios no mesmo aparcadoiro da Casa da Cultura. O desfile estará amenizado polo grupo Charanga Mekánica.
Establécense tres categorías segundo o número de participantes: individual (de 1 ou 2 persoas); grupos pequenos (de 3 a 10 persoas); e grupos grandes (máis de 10 persoas). Na categoría individual outorgaranse tres premios: 100 euros para o primeiro premio, 75 euros para o segundo; e 50 para o terceiro. Na categoría de grupos pequenos os premios serán de 300 euros para o primeiro, 200 para o segundo, e 100 euros para o terceiro. Na categoría de grupos grandes entregaranse tamén tres premios: 500 euros para o primeiro premio, 300 para o segundo e 150 euros para o terceiro.
Festa e concurso de disfraces infantil
Por último, o luns 3 de marzo farase a festa e concurso infantil de disfraces. Será na Praza da Maía a partir das 17.00 horas. Ademais, haberá música da man, un obradoiro de maquillaxes, e máis actividades para que a cativada goce dunha tarde do máis divertida.
O concurso está dirixido ao público infantil (poderán participar nenos e nenas de ata os 12 anos cumpridos e poderán participar ben de forma individual ou en grupos). Os nenos/as para participar terán que estar baixo a responsabilidade dunha persoa adulta, que actuará como representante para todos os efectos que se deriven deste concurso.
As inscricións realizaranse no correo electrónico entroidoames@gmail.com ata o 26 de febreiro como data límite. Para realizar a inscrición deberanse achegar os seguintes datos, título do disfrace, nome e apelidos da/s persoa/s representante/s, DNI, teléfono de contacto, número de compoñentes e música se a precisan. A inscrición tamén se poderá facer de xeito presencial na praza da Maía o propio día 3, de 16:00 a 16:30 horas. Os/as participantes deberán presentarse na praza da Maía entre as 16:00 e as 16:30 horas.
O xurado estará composto por tres membros designados pola Xuntanza de Empresarios de Ames e valorará os diferentes disfraces conforme á creatividade, á caracterización á orixinalidade, o traballo requirido na elaboración dos disfraces, é dicir se son elaborados total ou parcialmente polos participantes, a utilización de materiais empregados respectuosos co medio ambiente.
Establécense dúas categorías segundo o número de participantes: individual: de 1 ou 2 persoas ata 12 anos cumpridos; e grupos: máis de 3 persoas ata 12 anos cumpridos. Na categoría individual haberá tres premios: 75 euros para o primeiro, 50 euros para o segundo e 25 euros para o terceiro. Na categoría de grupos os importes dos premios son 250 para o primeiro, 150 euros para o segundo e 75 para o terceiro.