Segundo explicou Riveira, o percorrido longo non é só unha carreira competitiva. “É unha carreira para disfrutar”, asegurou, destacando o valor paisaxístico e patrimonial do trazado. “Ti sales do Pico Sacro e cando empezas a ver o mirador do val do Ulla, ves Santiago, o Barbanza, Arzúa… Iso tes que disfrutalo”.
A carreira discorre ademais por treitos da Ruta da Prata do Camiño de Santiago, combinando deporte con historia, natureza e patrimonio. “A parte de correr, vas pisando historia”, resumiu o responsable da proba durante a entrevista.
A organización insiste tamén en que a carreira está pensada para todo tipo de públicos e niveis. Mentres a proba de 15 quilómetros está orientada a persoas acostumadas a correr ou que buscan unha experiencia máis completa, a modalidade de 5 quilómetros preséntase como unha opción accesible para iniciarse. “É unha carreira ideal para empezar”, destacou Riveira.
No caso da proba curta, o percorrido desenvolverase integramente arredor da Cidade da Cultura e do Bosque de Galicia nun trazado accesible e pensado para favorecer a participación de persoas que se inician no running.
As probas infantís volverán ser outro dos grandes atractivos da xornada, con categorías SUB 6, SUB 8, SUB 10, SUB 12, SUB 14 e SUB 16, adaptadas ás distintas idades da cativada. A organización busca implicar ás familias nun evento no que deporte e convivencia van da man. “Como o pequeno quere correr, ao final os pais tamén acaban participando”, bromeou Antonio Riveira.