Por outra banda, aprobouse o plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames para o período 2026-2027. A duración do plan será de dous anos prorrogables por un ano máis mediante acordo expreso do Pleno da Corporación. Dito plan recolle unn gasto anual de 621.500 euros en concepto de subvencións municipais. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do goberno municipal e do BNG. Os concelleiros e concelleiras do Partido Popular e Espazo Común abstivéronse.
A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, destacou que “aqueles Concellos que pretenden outorgar subvencións deben aprobar o seu correspondente plan. As diversas axudas que se recollen en dito plan suman un importe anual de 621.500 para a concesión de subvención en distintos ámbitos, que se desenvolven no noso concello e que fan de Ames un municipio máis dinámico e participativo, xa que axudan a fomentar actividades de interese público, apoio e inclusión social, económica e cultural, que benefician á comunidade amesá”.
O Concello concede ditas subvencións a favor de persoas, asociacións ou entidades privadas coa finalidade de fomentar a realización de actividades de utilidade pública ou interese social ou para promover a consecución de fins públicos atribuídos á competencia local.
Apartado de mocións e propostas
Ademais, aprobáronse dúas mocións presentadas polo grupo municipal do BNG. A primeira moción, aprobada por unanimidade, tratou sobre a recuperación e sinalización do trazado histórico alternativo do camiño de Santiago a Fisterra entre o Alto do Vento e o núcleo de Ventosa.
Na segunda moción do BNG abordouse a creación e regulación dun recargo no imposto de bens inmobles (IBI) para vivendas desocupadas con carácter permanente. Esta segunda moción foi aprobada co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do BNG e do grupo de goberno. Os concelleiros e concelleiras do Partido Popular e Espazo Común votaron en contra.