Sar acolle este sábado música tradicional e actividades para todas as idades
A Praza da Colexiata de Sar, en Santiago de Compostela, acollerá este sábado a II edición do Serán de Primavera, unha cita coa música e coa tradición organizada pola Agrupación Folclórica Colexiata do Sar coa colaboración da Deputación da Coruña.
Líder Redacción
13 de marzo de 2026 a las 14:29
A programación comezará ás 19:00 horas co Serán miúdo, unha proposta pensada para o público familiar que incluirá xogos e obradoiros para nenos e tamén para persoas adultas.
A partir das 20:30 horas dará comezo o serán musical, no que participarán diferentes agrupacións de música e baile tradicional. Sobre o escenario actuarán Colexiata do Sar, Agrupación Rosalía de Castro (Cacheiras-Teo), a Escola de Música Tradicional A Xesteira de Couso (A Estrada), a Asociación Cultural O Castro de Figueiras (Santiago) e a Asociación Tinxideira (Mazaricos), que porán música a unha noite de encontro arredor do canto, do baile e da tradición popular galega.



