O Alto do Vento FS roza a década de vida cun proxecto que non deixa de medrar
Líder Redacción
30 de septiembre de 2025 a las 11:29
- O directivo Rubén García e o capitán do equipo de Preferente, Rubén Mañá, repasaron en Radio Líder Santiago a traxectoria, retos e aspiracións dun club que xa suma 17 equipos de base e leva dous anos consecutivos xogando o playoff de ascenso á Terceira División nacional
O Alto do Vento Fútbol Sala conta xa con nove anos de historia e o vindeiro celebrará o seu décimo aniversario. O club compostelán, nacido por iniciativa dun grupo de pais, consolidouse cun total de 17 equipos de base e preto de 200 fichas activas. “Un dos principais valores do noso club é transmitir compromiso e educación deportiva. Para nós é máis importante formar persoas que gañar campionatos”, destacou o directivo Rubén García.
A entidade, con sede en San Marcos, afronta dificultades loxísticas polo uso compartido das instalacións municipais debido ás obras en Santa Isabel. “Temos que movernos de pavillón en pavillón e levar material dun lado a outro. Non é doado, pero seguimos adiante”, explicou García. O directivo insistiu tamén na importancia do apoio social e económico: “É fundamental que a cidade estea co club; sen esa axuda todo custa máis”.
No plano deportivo, o equipo sénior compite en Preferente e leva dúas tempadas consecutivas disputando o playoff de ascenso á Terceira División nacional. O capitán Rubén Mañá subliñou que “ascender sería un salto importante para o club, porque suporía entrar nunha categoría nacional con clubs históricos e gañar visibilidade”. Sobre o arranque da tempada, valorou positivamente as dúas vitorias e unha derrota en tres xornadas, lembrando que o equipo está en proceso de adaptación con novo adestrador e xogadores.
Outro dos retos é aumentar a afección. “Sempre se pode mellorar. É importante gañar masa social que nos apoie nos pavillóns, porque esa forza anímate a dar máis”, comentou Mañá, quen fixo un chamamento para que a xente se achegue este sábado ao pavillón do Restollal, onde o Alto do Vento recibirá ao Troula de Betanzos. “Será un partido moi competido contra un club histórico”, engadiu.
Na canteira, destaca a categoría de biberóns, na que se inician nenos e nenas desde os catro anos. Para eles, o club mantén un convenio co Compostela que permite ofrecerlles un espazo de aprendizaxe e diversión ata que poidan dar o salto ao fútbol federado. “Rapaces que non poden, por idade, comezar no fútbol, inícianse no fútbol sala da man do Alto do Vento grazas a ese convenio”, explicou García.
Na entrevista tamén falaron das habilidades que require o fútbol sala. O capitán Rubén Mañá destacou que “é fundamental ter rigor táctico, saber interpretar o xogo e tomar boas decisións en cada momento”, aínda que recoñeceu que a capacidade técnica e física tamén son claves. Pola súa parte, Rubén García sinalou que antes moitos rapaces aprendían técnica “xogando na rúa”, algo que se perdeu, polo que agora é esencial que os clubs transmitan dende cedo coñecementos básicos para entender este deporte.
O club tamén aposta pola participación en torneos fóra de Galicia, como o recente de Cádiz, ao que acudiron con preto de 200 persoas entre xogadores e familias, reforzando o espírito de comunidade. García subliñou que o apoio económico é clave para seguir mellorando o día a día da entidade. “O económico non é imprescindible, pero si moi importante para mellorar o día a día do club. Os patrocinadores fieis que temos son un apoio vital, pero precisamos máis mans para seguir medrando”.



