Esta é a condición do BNG de Ames para apoiar a humanización de O Milladoiro
A Asemblea Local do BNG de Ames decidiu apoiar o proxecto da humanización de O Milladoiro sempre que inclúa a liberalización de peaxes da AP-9. Tamén se confirmou a necesidade de desdobrar a variante Pardiñas-As Galanas así como remodelar a rotonda das Galanas como xa se comprometera o Ministerio
Líder Redacción
24 de septiembre de 2024 a las 15:26
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) leva anos defendendo, con numerosas iniciativas institucionais, a necesidade de liberar a AP-9 de peaxes, un feito que aliviaría o elevado tráfico na N-550, especialmente no seu paso por O Milladoiro. O BNG tamén celebrou o acordo de investidura co PSOE en novembro de 2023, onde se estipulou que os Orzamentos Xerais do Estado para 2024 incluirían novos descontos na AP-9 e na AP-53, avanzando cara á gratuidade das autoestradas. No entanto, seguimos insistindo na fin da concesión e na transformación da AP-9 nunha autoestrada galega, libre de peaxes, un obxectivo reforzado pola Comisión Europea, que abriu un expediente de infracción a España pola ampliación da concesión até o ano 2048.
En paralelo, o BNG de Ames esixe solucións inmediatas para os problemas causados pola N-550 no núcleo de O Milladoiro, onde o tráfico intenso afecta a seguridade e xera contaminación acústica. Durante o pleno do 11 de setembro, os nosos concelleiros Natividade González e Carlos Vieito demandaron información sobre o plan de humanización da N-550 e cuestionaron as alternativas de tráfico previstas durante as obras. Celebramos que o goberno local se sume agora á nosa histórica loita pola eliminación das peaxes na AP-9, aínda que seguimos insistindo na necesidade de liberar esta vía de forma permanente, non só durante as obras.



